Un museo da cidade. Santa Giulia de Brescia e o Cuartel de San Fernando

ADOLFO DE ABEL VILELA

LUGO CIUDAD

ADOLFO DE ABEL VILELA

A localidade italiana divulga o seu pasado romano dunha maneira que Lugo aínda non ten conseguido

08 dic 2019 . Actualizado a las 20:04 h.

O sábado pasado estiven en Brescia, a segunda cidade más importante da Lombardía despois de Milán. Como é unha cidade con pasado romano tiven a curiosidade de coñecer a recuperación e posta en valor do seu patrimonio arqueolóxico que consta de dous conxuntos, a área arqueolóxica do Capitolium ou Parco Archeologico di Brescia Romana; na que se musealizaron partes de edificios dentro de envases contemporáneos, e o complexo Santa Giulia, Museo della Citta, que consta de dous edificios, un convento de orixe medieval coa igrexa e un edificio contemporáneo. Estes dous conxuntos foron incluídos pola Unesco na Lista do Patrimonio da Humandiade no ano 2011, xuntamente co sitio dos Lombardos.

 Área arqueolóxica Capitolium

Está formada polo Santuario, o Templo Capitolino, a Praza do Foro e o Teatro. Así como en Lugo a muralla é a construción romana máis potente que estivo sempre á vista, en Brescia todos estes edificios estiveron agachados, foron descubertos uns a finais do século XIX ao derrubar as casas que se construíran en diversas épocas sobre os restos do teatro, excepto o Palazzo Maggi Gambara, que aínda hoxe ocupa a parte occidental das gradas, e os outros a finais do século XX en escavacións programadas en área. Exemplo semellante a Lugo.

Do Capitolio quedaban algunhas pezas, insignificantes nalgún caso polo seu tamaño, que tiveron importancia para facer a reconstrución dunha parte da fachada, o que contribúe a realzar visualmente a importancia do monumento, unha parte do cal, como os pavimentos, están musealizados nun edificio de recente construción xunto con aras que incrustaron nas paredes e catro cabezas colocadas sobre fustes.

 

As comparacións

A Brixia romana é a máis grande área arqueolóxica urbana da Italia setentrional. Lucus Augusti é a máis grande do noroeste de España. Recuperaron recentemente o Santuario Republicano, con varias salas que conservan os pavimentos de mosaicos así como as paredes con pinturas ao fresco, mentres que en vitrinas expóñense algunhas das pezas atopadas con paneis explicativos. O conxunto análogo en Lugo no tocante a importancia pola potencia das paredes e musealización sería a Domus do Mitreo e o Mitreo.

Nos últimos anos do século XX as escavacións arqueolóxicas puxeron ao descuberto partes de edificios e miles de pezas. En Lugo descubriuse e púxose en valor a Domus dos Mosaicos, o conxunto funerario de San Roque, recuperouse a piscina de Santa María e ampliouse o conxunto arqueolóxico dos Baños romanos no Balneario.

Tamén temos miles de pezas almacenadas e outras expostas nos propios xacementos, na Sala Porta Miñá, no Museo Provincial, no MIHL e nos Baños.

Para facer o Museo da Cidade de Brescia aproveitouse unha igrexa e un mosteiro de orixe medieval. Aquí pretendemos aproveitar un modesto cuartel de finais do século XVIII.

 

O complexo San Salvatore - Santa Giulia, Museo da Cidade

O Museo está instalado no complexo monumental da igrexa de San Salvatore e o mosteiro feminino beneditino de Santa Giulia, fundado na segunda metade do século VIII, un edificio enorme que conta cunha zona expositiva de 14.000 metros cadrados onde se presentan unhas 11.000 pezas distribuídas en tres plantas.

No edificio contemporáneo levantado nas hortas do mosteiro, está a entrada, taquillas, tenda, estar e servizos internos do Museo. No soto están musealizadas dúas vivendas romanas, con frescos e mosaicos, ás que por iso se denominan Domus dell´Ortaglia.

No edificio do que foi convento na planta baixa preséntase a prehistoria, na primeira a época romana e na segunda a Idade Media. No percorrido pasase pola igrexa onde se pode ver a cripta e o coro, e os claustros nos que se exhiben as pezas arqueolóxicas de máis volume.

A pregunta que compre facer é: sendo como somos semellantes en achados arqueolóxicos musealizados e a maiores cunha muralla declarada Patrimonio da Humanidade, por que en Brescia foron capaces de facer este impresionante Museo da Cidade e aquí somos incapaces de facer no Cuartel de San Fernando un que, en comparación, resulta insignificante? A resposta non me ofrece dúbida, pola incompetencia de quen ten a responsabilidade de facelo e non o quere facer.

 

Carta a Santa Lucía

Nestes días vin aos nenos italianos entrar cos pais nas igrexas para levarlle a Santa Lucía a carta coa súa petición de agasallos para o próximo Nadal. O domingo antes de volver, cando ía pola mañá a visitar a Academia Carrara en Bérgamo entrei na igrexa de San Bernardino e vin como os pícaros deixaban as cartas arredor dunha imaxe xacente da santa. Entón tiven a ocorrencia de deixarlle a miña petición nun papeliño no que escribín:

«Prezada Santa Lucía: Son de Lugo, unha cidade romana Lvcvs Avgvsti á que antes chamaban tamén Cidade do Sacramento; e como che temos moita devoción, na catedral tes un altar coa túa imaxe, o día 13 levámosche flores, acendemos velas e dise misa. Anoto estas cousas por si computan favorablemente no teu baremo para a concesión dos agasallos. Hai máis de dez anos que estamos agardando por ter no Cuartel de San Fernando un Museo Arqueolóxico ou da Cidade parecido na función e contido ao de Santa Giulia de Brescia, aínda que para que non te asustes direiche que sería máis cativo. Como hai algúns políticos que pensan que somos nenos, púxenme a súa altura e levo varios anos mandando cartas petitorias por estas datas nas que somos máis bos e xenerosos por se houbera algún sobrante do exercicio económico e a autoridade competente decidira comezar esta obra.

Primeiro fíxenlle a petición aos Reis Magos, pois cavilei que me poderían compracer porque sendo tres o importe do agasallo seríalles menos gravoso, pero non mo concederon. Despois pedinllo a San Nicolás, como o fan os nenos holandeses, e tampouco resultou de xeito que, estando ante o segundo fracaso agora recorro a ti coa esperanza de que atendas a miña solicitude que, como a comparten outros lucenses, o gasto poderíache resultar máis asumible.

Como din que non hai dúas sen tres, quéroche dicir que para min sería unha decepción que non aprobaras esta petición, pois de ser así o ano que ven tería que facerlla ao Papa Noel, persoeiro que me parece menos acaído porque son cristiano, non Ronaldo, ese que tedes no Juventus, pois se o fose o Museo correría da miña conta para darlle unha alegría ao conselleiro responsable nas competencias, pero irresponsable nesta decisión. Moitas grazas e un biquiño. ADOLFITO».

Non sei se colará, pero a ilusión non hai porque perdela. E aínda me queda outra oportunidade así que para o ano que ven mandareille a carta despois de outubro ao da barba branca, pois teño a sensación de que o Museo nolo vai traer.