O canario frauta e o mexillón de río

Catuxa Varela EN LIÑA

LUGO CIUDAD

06 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O aumento da temperatura do planeta vén de seu no modelo económico do que formamos parte (esquilmación dos recursos baixo o mito do crecemento ilimitado, fenda social, acumulación...). Ata agora foi barra libre, non se reparou en gastos, agás algúns xestos retóricos. Pero o canario que os mineiros baixaban á galería para previlos da presenza do grisú, o CO2 e o metano hai xa tempo que non chía. E son moitos os canarios que xa non pían.

Son testemuña cotiá do avance desa fronteira do quecemento global, da angustia dun deses canarios: polo meu traballo enfróntome ao declive do mexillón de río (Margaritifera margaritifera). É un bivalvo de augas doces frías e oligotróficas presente nos ríos que verten ao Atlántico Norte. Polos estritos requirimentos medioambientais considérase unha especie bioindicadora do estado do ecosistema fluvial, e, en termos de conservación, identifícase como especie paraugas: a súa protección garante unhas condicións no hábitat que favorecen a toda a comunidade. Posúe un complexo ciclo vital caracterizado por unha larva parasita exclusiva dos salmónidos. A presenza e a abundancia de mexillóns diminuíu drasticamente en toda Europa. Galicia atópase no límite sur do seu rango de distribución. Catalogada en perigo de extinción, está na liña vermella da desaparición: ten poboacións fragmentadas e con baixo éxito reprodutivo. Cada ano observamos estupefactos cunchas baleiras arribadas á beira do río, e cada vez menos exemplares en bo estado para ser seleccionados como reprodutores no proxecto de cría da estación de cultivo do Centro Ictioxénico do Veral, en Lugo.

O cambio climático é unha das principais ameazas do planeta, e especialmente nefasto para taxons con capacidade limitada de movemento, coma o mexillón, incapaz de dispersarse cara a nichos térmicos máis favorables.

O incremento da temperatura leva a deformidades das cunchas, acurta a lonxevidade, aumenta a mortalidade dos xuvenís e limita o éxito reprodutivo. No medio doce acuícola reduce o osíxeno na auga, ademais de contribuír á eutrofización ou «escurecemento» dos ríos, ao aumento das algas e da cobertura de macrófitos. Se non fosen poucos os atrancos aos que está exposto o mexillón hai que sumarlle os que teñen os seus hospedadores (nas fases larvarias do bivalvo). A principal é a desaparición dos peixes, pola contracción cara ao norte máis rapidamente que o mexillón (os peixes teñen ciclos de vida máis curtos), o que imposibilita que a náiade complete o seu ciclo vital.

O papel da investigación fornécenos dos datos para coñecer a extensión do problema e as súas implicación. Xa non é tempo de demostrar o quecemento global: chegou o intre de actuar. Van xa demasiados canarios frauta abafados.