As diferenzas

María López Sández
María Sández TRIBUNA

LUGO CIUDAD

13 nov 2019 . Actualizado a las 08:48 h.

Para aquilo que nos é próximo, os seres humanos semellamos especializados en captarmos as sutís diferenzas. Pódese afirmar que estamos dotados dunha habilidade natural que empregamos para distinguir o que nos rodea. Iso é o que explica que nos círculos máis íntimos discriminemos doadamente unha rica e complexa gama de matices que nos impedirían confundilos por moito que se parezan; mais entre os descoñecidos as cousas non funcionan así. E o curioso é que non somos conscientes de que o problema radica en nós mesmos, senón que atribuímos á realidade externa o que, con certeza, ten que ver coas nosas propias percepcións e as nosas insuficiencias.

Eu coido que a situación actual nos esixe ver o que temos en común; especialmente cando no noso contexto esas diferenzas abranguen un espectro extremo. É un tópico dicir que a esquerda tende máis ao esfarelamento e á escisión interna (quizais por un idealismo que se impón ás necesidades máis materiais, ou por unha incapacidade para renunciar ás diferenzas en beneficio dos intereses compartidos), pero hai circunstancias onde só procurando o consenso as cousas adquiren o seu significado. A alternativa é un bosque de manchas indiferenciado no que nada se percibe.

En Lugo temos moitas cousas por resolver, moitos asuntos necesitados de decisións políticas, con sectores clave (como o enerxético, o gandeiro, o pesqueiro e o forestal) que viven momentos decisivos de reconversión. E temos, tamén, unha lingua e unha cultura que se xogan o futuro na seguinte xeración. Iso que compartimos ten que ser o terreo común sobre o que anular outras diferenzas.