Cursos para profesorado e novos kits para investigar nas aulas

LUGO CIUDAD

OSCAR CELA

Volve o programa XuvenCiencia

12 nov 2019 . Actualizado a las 09:19 h.

O proxecto XuvenCiencia. Fago, logo aprendo, promovido polo grupo de innovación docente XuvenCiencia do campus de Lugo que coordina a profesora Mercedes Novo Rodríguez, lanza a súa sexta edición coa aspiración de chegar neste curso a máis dun milleiro de alumnos de secundaria e bacharelato, ao tempo que abre a convocatoria para o profesorado de ensino medio que desexe participar nas próximas xornadas formativas para docentes. Este programa conta coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía e do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Matrícula

Os interesados en participar nesta actividade formativa poden matricularse antes do 25 en https://xuvenciencia.org/portal/xornadas-profesorado/. Unha das novidades reside en que se ofertan programas diferenciados para os profesores novos en XuvenCiencia e para aqueles que xa teñen participado en anteriores anos académicos e queren afondar na metodoloxía investigadora.

As xornadas para profesorado celebrarase o día 30 no Campus de Lugo e consistirá en oito horas lectivas baixo o epígrafe A práctica investigadora na aula.

Os asistentes poderán achegarse ao método de traballo científico desde o deseño do experimento, pasando pola toma de datos, a súa análise e representación gráfica e a interpretación dos resultados ata a súa plasmación en artigos científicos ou comunicacións que empregan audiovisuais, blogs ou as redes sociais.

Seis kits prácticos

XuvenCiencia oferta seis kits para a experimentación nas aulas: Vitroplant, Animal CSI, Photonics Explorer, Aqualab, DNA-MEAT (ensaio molecular de trazabilidade animal) e Fotometrix (análise fotométrico).