Música e castañas a moreas para celebrar a foliada dos Xílgaros de Lugo

LUGO CIUDAD

Unhas 300 persoas participarán o sábado 9 na festa popular que organiza a asociación cultural desde hai sete anos

08 nov 2019 . Actualizado a las 09:12 h.

Música e castañas a moreas serán as protagonistas da popular foliada-magosto que organiza cada ano -e xa van sete- a asociación cultural Os Xílgaros de Lugo, que preside e dirixe Óscar Pérez. A festa terá lugar o sábado 9 a partir das 20.00 horas na Parrillada La Campiña.

As cifras dan conta do éxito que acada esta cita e que medra ano tras ano: agárdanse unhas 300 persoas. Ademais, asaranse uns corenta quilos de castañas -que se repartirán de xeito gratuíto entre os asistentes- e actuarán un cento de músicos, aos que se pode sumar calquera veciño na foliada aberta. Tamén se celebrarán diferentes sorteos de premios variados.

Os grupos que participarán nesta edición son Lembranzas do Tambre, Son de Lugh, Cantareiras de Abanca-Afundación, Os Dezas de Moneixas, Airiños de Orbazai e Os Xílgaros.

Trala actuación, comezará a foliada aberta, onde poderán tocar todos os asistentes: «Unha das finalidades deste evento é que poida asistir xente que está empezando a tocar ou mesmo que lle apetece a entrar a formar parte da asociación cultural Os Xílgaros de Lugo, e é unha boa maneira de facer amizades e integrarse no mundo da música galega», explica Óscar Pérez.

Na organización deste evento tamén colaboran Parrillada La Campiña, Nova Escola Espazo Cultural, Escola O Xeito, Arco Iris e Asociación Cultural Bolboreta Fiandeira.