Proxecto Fénix

LUGO CIUDAD

30 oct 2019 . Actualizado a las 08:54 h.

Nos vindeiros días, Lugo acollerá a fase piloto dun proxecto destinado á intervención educativa en rapaces con condutas de violencia de xénero. Logo, a experiencia estenderase ao conxunto de Galicia.

A xente sorpréndese cada vez que transcenden datos sobre a persistencia ou o aumento de indicadores de violencia machista entre a poboación máis nova, como se se pensase que os novos tempos e as novas xeracións deberían manterse puras fronte ás lacras que levan marcando a humanidade durante séculos. Mais o certo é que as novas xeracións non son mellores nin peores cás anteriores (e por iso tamén é un tópico, por exemplo, laiarse da súa preguiza, o seu desinterese ou o seu menor esforzo). É curioso... As críticas verquidas sobre os mozos van en direccións contrarias: denúnciase, simultaneamente, o activismo desaforado de Greta Thunberg e a adicción ás redes e a baixa implicación social dos rapaces.

O machismo está fondamente enquistado na sociedade. Os mozos e mozas desta xeración reproducen comportamentos e xuízos que as xeracións anteriores lles transmitiron.

Necesitamos, sen dúbida, un proxecto Fénix. E o nome é ben acaído, porque apunta, a través da referencia mitolóxica, a un rexurdir desde as cinzas, que é o que cómpre para desmontarmos as estruturas e os modos de pensar que condicionan e determinan a violencia de xénero, transversal ás clases e ás xeracións. Sinalarmos a violencia como un problema específico dos máis novos, aínda que só sexa para visibilizar que é máis grave neles por proxectarse cara ao futuro, é un xeito máis de negarmos o problema. Precisamos dunha intervención reeducativa: cómpre reconstruírmos a sociedade a partir das súas propias cinzas. Hai máis de 100 anos, Delmira Agustini, unha brillante poeta modernista, morreu asasinada polo machismo aos 27 anos. «Lembrades a gloria das miñas ás?» , preguntábase. Esas que lle cortaron. Esas que poden renacer no fénix.