«En todos os sitios a violencia de xénero ventílase de portas para dentro, pero en Lugo, moito máis»

A presidenta de Si, hai saída, cre que a violencia machista foi a máis


lugo / la voz

Hai cinco anos que a asociación Si hai saída botou a andar en Lugo. Neste tempo colaboraron con ducias de mulleres e asesoráronas na súa loita contra a violencia de xénero. Marta Rodríguez, que sabe o que é vivir en carne propia o terror e a dor da lacra, é a presidenta do colectivo.

 -Percibe que a violencia contra a muller incrementou ou diminuíu?

-Con rotundidade podemos dicir que hai un empeoramento notable da situación. Anúnciannos constantemente baterías de recursos, que aumentan orzamentos, medidas de seguridade etc., pero á hora da verdade o que vemos é que a violencia de xénero segue medrando, e lamento ter que dicilo, pero en moitos casos é un negocio moi lucrativo para moita xente, para grupos, para observatorios que se fan, pero a realidade para as vítimas non mellora. Estase normalizando dun xeito que cada vez é menos noticia.

-A que atribúe isto?

-A violencia de xénero en moitos casos considérase unha problemática secundaria, non se acaba de coñecer a realidade das vítimas. Nós estamos fartas de que cada vez que dicimos que ás vítimas non se lles protexe ben, non se asisten ben ou non se atenden ben, todo o mundo diga que o persoal ten unha formación moi boa. Non o dubidamos, pero hai realidades que non se aprenden nos libros, nin chos dá un diploma nin unha carreira. Entón, o que falla é o factor humano, xente que realmente coñeza a problemática destas mulleres dende dentro, que o viva, que saiba como se senten, o terror, a anulación que chegan a percibir, a parálise que lles impide tomar calquera decisión. É sangrante ver a actitude da xente que as atende ante as recaídas, porque moitas veces volven cos maltratadores incluso tendo ordes de afastamento. O que traballa con vítimas ten que saber que isto é algo moi común e hai que loitar para axudalas, non recriminarlles nada. É normal, teñen unha dependencia psicolóxica respecto a eles enorme.

-Detectou algún trazo específico que compartan as vítimas de violencia machista en Lugo?

-As de todos os sitios teñen trazos en común, pero é certo que na zona de Lugo seguimos tendo unha mente moi provinciana. Se en todos os sitios a violencia de xénero é algo que se ventila de portas para dentro, aquí, moito máis. Polo medo ao que dirán. E iso trae un factor engadido, moitas veces cando ao fin a vítima se decide a pedir axuda, é o propio entorno o que lle dá para atrás. E nese problema hai dúas ramificacións. Moitas veces familias e amigos coñecen a situación e danlle para atrás, e noutros pasa que ignoraron a situación e no momento no que se decide a pedir axuda, todos saben, todos son letrados. Despois, se as mulleres da cidade están mal, as do rural é sangrante, porque están presas moitas veces non só polo agresor, senón tamén pola familia.

«Hai un aumento importante da violencia de xénero entre os máis novos»

A violencia machista non entende de clases, formación nin idades. De feito, fálase de que o problema afecta cada vez a máis xente nova.

-Nós traballamos moito con colexios e institutos, e hai un aumento importante da violencia de xénero entre os máis novos. Eu discrepo cos que din que os máis novos son máis violentos ou machistas. Os rapaces non nacen cun xene machista nin as nenas cun xene submiso ou de vítima, así que algo nos teremos que formular os adultos. Ver que está pasando para que estes rapaces reaccionen así. Habería que facer exame de conciencia e ver que lles ensinamos na casa, no entorno familiar e demais.

-Como se atalla a violencia de xénero?

-A educación é fundamental nos centros de ensino e no entorno familiar. E cando a violencia xa está consumada, fálase moito do efecto chamada. Eu penso que existe só un efecto chamada en canto á impunidade do asasino ou agresor. Se eu me formulo maltratar ou matar e vexo que o que o fixo antes de min saíu case impune, iso si que é un efecto chamada. A lei ten que ser rigorosa.

-Que tipo de axuda prestan vostedes dende Si hai saída?

-A nós xeralmente veñen contactándonos polo boca a boca. Ás veces da comisaría tamén nos mandan algunha muller se a ven desorientada. Primeiro temos unha toma de contacto, xeralmente recíboa eu soa porque eu tamén fun vítima e ábrense máis comigo, pero aínda así leva moito tempo. A partir de aí, derívanse aos compañeiros, agora temos seis letradas e un letrado que de xeito voluntario as asesoran e logo, en colaboración co seu letrado, axudámolas. E tamén as acompañamos fisicamente no momento de denunciar no xulgado e demais.

-En cinco anos, a cantas mulleres axudaron?

-Non sabería dicir, pero ao mellor pasamos das 100. Non todos os casos avanzan igual, algunhas veñen só a asesorarse e non as volvemos ver, outras volven coas súas parellas, outras quedan con nós e imos seguindo todo o procedemento, e hai algunhas que levan cinco anos con nós. Sempre tentamos, na medida do posible, facerlles un seguimento, aínda que sexa tomando un café.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«En todos os sitios a violencia de xénero ventílase de portas para dentro, pero en Lugo, moito máis»