Temos banda

XULIO XIZ

LUGO CIUDAD

14 oct 2019 . Actualizado a las 20:15 h.

Etres anos despois, resucitou. Para os que temos música na alma foi gratificante o concerto que a Banda municipal de Lugo, reforzada, ofreceu o sábado na praza de Santa María, para demostrar que este conxunto que se coida cumpre 150 anos, se aínda non goza de boa saúde, si ten raiceiras fondas e coma a semente que dorme no inverno para agromar na primavera, agarda que alguén a volva á vida, tal príncipe que desperta á fermosa durminte.

A Banda é parte esencial da historia de Lugo, malia o seu discorrer de Guadiana sensible aos máis diversos acontecementos sociais, e os nomes de Xoán Montes ou Sariñena son puntais para soster a memoria e o prestixio. Foron testemuñas presenciais deste renacer da banda os seus dous últimos directores titulares, Fernández Groba, agora residente de novo en Lugo, e Rosendo Ivorra, así como o equipo que goberna a cultura no Concello, que seguro tomou boa nota das posibilidades dunha entidade que só precisa ánimo e reforzos como agora tivo. Non se entende que con estes bimbios deixasemos de ter banda, e máis cando moitos dos músicos son profesores da escola municipal que ten formado centos de amadores da música e conforman unha marea artística que honra aos alumnos, aos profesores e á institución que a sostén. E haberá que esquecerse -razonando, estudando o que proceda, internamente- de todo o que non sexa música. E disfrutar actuando para que os que escoitamos a Banda poidamos recrearnos coa música que en tempos enchía de ledicia a Praza Maior e de orgullo a todos os que cremos que a música é a mellor terapia para os males do corpo e o mellor agasallo para a ánima.