Fotografía e poesía entrelázanse para enxalzar o vínculo da muller e a natureza

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

LLUM A. GONZALEZ

As artistas sarriás Llum A. González e Sonia Marpez unen as súas obras na exposición «Gaia», que abre o martes 15 ás 20.30 horas en Caldiae Factoría Cultural (Codex Cinema, Lugo)

14 oct 2019 . Actualizado a las 20:12 h.

Fotografía e poesía entrelázanse nun proxecto expositivo que enxalza o vínculo da muller e da natureza. Baixo o título de Gaia, as artistas sarriás Llum A. González e Sonia Marpez plasman en imaxes e palabras a esencia da muller no medio natural galego, con elementos da paisaxe destacados, e a reivindicación do coidado da natureza e do papel da muller na sociedade, en especial, no eido cultural.

 Esta mostra de fotografía poética abre o martes 15 as súas portas en Caldiae Factoría Cultural (Codex Cinema, Lugo), dentro da programación cultural anual dedicada a mulleres artistas impulsada pola plataforma cidadá Lugonovo, en colaboración con Caldiae Factoría Cultural. O acto de inauguración terá lugar o martes 15 ás 20.30 horas e poderá visitarse ata o venres 8 de novembro, de xoves a domingo entre as 18.00 e as 22.00 horas.

A inauguración coincide ademais cunha semana para celebrar o cinema e a cultura lucense e galega, pois os Codex Cinema proxectan estes días a recén estreada O que arde, cuxo director, Óliver Laxe, estará mañá visitando os cines para presentar o filme a todas as veciñas e veciños de Lugo.

 Lugonovo e Caldiae

A programación cultural impulsada por Lugonovo e Caldiae ten como obxectivo «loitar contra a discriminación sistemática das mulleres na cultura, un problema que afecta especialmente ás artistas galegas. Consiste en proporcionarlles unha abundancia de oportunidades, apoio e visibilidade, algo vital para a súa carreira, especialmente nun contexto de crise prolongada no ámbito galego da arte», explican.

En palabras de Camino Casabella, coordinadora de Cultura de Lugonovo e responsable desta exposición, «estamos decididos a darlles a todas as artistas a visibilidade que precisan para avanzar no ámbito profesional da arte. A desigualdade pon en perigo o futuro da nosa cultura, e a única forma de combatela é organizando iniciativas para difundir a obra da seguinte xeración de artistas. Todo o mundo se beneficia dun eido cultural onde existe a igualdade. É hora de que as institucións fagan o mesmo ca nós», sentencia.

Sonia Marpez
Sonia Marpez

«Algúns sectores seguen máis vinculados aos homes e é difícil acceder»

Sonia Marpez (Sarria, 1987), poetisa e fotógrafa, pon palabras a un proxecto tan emotivo como reivindicativo: «Vimos ondear a herba, / pero xamais navegamos nela. / Tódolos barcos foron varar / ás nosas intencións desertas», reza o poema Ancoraxe, un dos que compoñen a mostra. A propia presentación dos textos converteraos en verdadeiras obras expositivas: serán poemas sobre tea, a modo de bordado, para ligalos á temática das labores vencelladas tradicionalmente ás mulleres. Sonia explica que fotografía e poesía dialogan nesta exposición para «reivindicar o coidado da natureza e vinculala coa muller». A artista sarriá, afincada en Málaga, fala das dificultades para abrirse camiño no mundo da arte sendo muller: «Por sorte, o panorama está cambiando e empézase a potenciar o traballo da muller. Pero algúns sectores seguen máis vinculados aos homes e é difícil acceder».

 Sonia Marpez é diplomada en Maxiterio pola USC e actualmente cursa estudos de Historia da Arte e traballa como fotógrafa, poeta e comisaria en diferentes proxectos expositivos e editoriais. Foi co-coordinadora do libro monográfico sobre a morte Obituario, recibiu o primeiro premio de MálagaCrea, primeiro e segundo de Xuventude Crea e primeiro de Jóvenes Creadores. No 2018 publicou o seu primeiro poemario, Demolición, e este ano o segundo, Sedimento. Se na primeira obra trataba da soidade e a alienación no mundo, na segunda, aínda que vai na mesma liña, vese un final máis pechado. O terceiro libro está pendente de publicación.

 

Llum A. González
Llum A. González

«Hay que reivindicar el papel infravalorado de las mujeres en el mundo artístico»

Llum A. González (Sarria, 1986) é a alma mater desta exposición, coa que pretende «reivindicar el papel infravalorado de las mujeres en el mundo artístico», xa que «con este tipo de iniciativas se nos dan las mismas oportunidades para demostrar nuestro talento».

 A exposición foise xestando pouco a pouco, desde hai tempo, «de la idea de unirnos en un proyecto artístico Sonia y yo, porque me encanta la forma tan bonita que tiene de escribir Sonia y sabía que sería la idónea para esta exposición», econfesa a fotógrafa. A exposición supón tamén un medio para dar a coñcer a obra das dúas artistas sarriás e «demostrar que poesía y fotografía pueden ir de la mano, potenciando el efecto de ambas sobre el espectador».

Llum reside en Vigo, desde onde traballa como deseñadora gráfica e fotógrafa poe conta propia, ademais de colaborar como redactora de revistas culturais musicais. Estudou Deseño Gráfico na Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, completando a súa formación con numerosos cursos de fotografía. Sempre estivo vinculada á expresión artística creativa a través de diferentes manifestacións artísticas coma o debuxo, a pintura, a música ou a fotografía. Desde hai un tempo, dedícase tamén á fotografía social con «A vosa historia». Gañou o terceiro premio en Imaxes con Fondo, e o primeiro premio Fotomaratón de Vigo.