Cinema e exposición lembran a caída do muro de Berlín

LUGO CIUDAD

A USC xa celebrara hai dez anos un acto para conmemorar a caída do muro de Berlín
A USC xa celebrara hai dez anos un acto para conmemorar a caída do muro de Berlín PACO RODRÍGUEZ

O campus lugués súmase aos actos polos trinta anos deste feito histórico

09 oct 2019 . Actualizado a las 09:23 h.

O ciclo de cinema alemán «Aos 30 anos da caída do Muro: Historia e memoria» lembra ata o 26 de novembro na facultade de Humanidades do Campus de Lugo o trixésimo aniversario da caída do muro de Berlín.

A actividade está organizada e promovida polo grupo de Investigación Historia Política e dos Nacionalismos (Hispona), en colaboración co Centro de Linguas Modernas e co departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá da USC, o Instituto Goethe e máis o Servizo Alemán de Intercambio Académico (DAAD). Este «ambicioso programa», tal e como o define o profesor Xosé Manuel Núñez Seixas, que é un dos coordinadores, botou a andar no campus de Compostela hai uns días e esténdese agora ao campus lugués a iniciativa do Centro de Linguas Modernas e da facultade de Humanidades.

A proxección do filme Zug in die Freiheit: des Bürgers lange Reise abriu onte esta iniciativa cinéfila que terá continuidade no centro universitario lugués os martes 15 e 29 de outubro, e os días 5, 12 e 26 de novembro, coas proxeccións das producións audiovisuais en versión orixinal Berlin is in Germany, Sonnenallee, Die Stille nach dem Schuss, Westwind e Bornholme.

Ademais, Humanidades acollerá desde o 28 de outubro e ata o 22 de novembro a mostra O muro: unha fronteira a través da Alemaña. A exposición ofrece un percorrido histórico polas orixes da Guerra Fría, a división de Europa, a construción do muro de Berlín, a evolución da vida cotiá e os intercambios entre as dúas Alemañas.