O día do orgullo de ser galego

LUGO CIUDAD

Óscar Cela

O Domingo das Mozas convértese cada ano en Lugo nun escaparate para vivir, bailar e cantar en galego

07 oct 2019 . Actualizado a las 20:22 h.

¿Que ten de especial o Domingo das Mozas para converter a esta pequena festa dun día, dentro dunha grande festa como o San Froilán, nun acontecemento único cada ano en Galicia? Para comprobalo hai que vivilo e un bo exemplo foi hoxe, onde se volveu a demostrar a capacidade de convocatoria que ten esta cita na vida dos lucenses. Cada ano, máis persoas saen ás rúas vestidos cos traxes tradicionais galegos, e participan nas actividades que se desenvolven no programa, como o desfile pola Praza Maior, nos pequenos concertos que van ofrecendo polas rúas agrupacións vidas de toda Galicia ou na ofrenda ante Rosalía de Castro.

«Mira Julio, ¡que festa hai en Lugo!», dicíalle un visitante duns sesenta anos a un amigo por teléfono mentres lle mandaba un video da procesión laica e galega que partía ao mediodía da Praza Maior e percorría Bispo Aguirre ata o Parque Rosalía. Os móbiles non paraban de captar as imaxes que levaron en cuestións de segundos o Domingo das Mozas a calquera parte do mundo.

Nos últimos anos xorde grazas ao San Froilán un sentimento de orgullo de ser galego en novas xeracións, que vén no Domingo das Mozas o perfecto escaparate para amosalo. Cada vez máis mozos se visten, bailan e canta en galego. E moitos pais novos, que foron nenos, locen aos seus fillos coas mellores galas.

A ofrenda a Rosalía e os desfile do traxe galego

Ademais da Mostra de Música Tradicional —na que participaron unha vintena de grupos de toda Galicia e que promove a Asociación de Gaiteiros Galegos— o programa sempre ten dúas citas cada vez máis concurridas. Por un lado o desfile que organiza a Asociación do Traxe Galego de Santiago e Traxandaina de Lugo. Grazas ás explicacións de cada traxe e vestido os asistentes poden coñecer polo miúdo cómo eran as vestimentas de gala dos nosos antesapasados.

E por outra parte, a ofrenda ante o busto de Rosalía de Castro, que remata coa interpretación do himno galego. Este ano a oferente foi a escritora lucense María Reimóndez, que fixo unha apaixoada defensa do feminismo.