Como aparcar

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO CIUDAD

23 sep 2019 . Actualizado a las 20:36 h.

Aparcar parece tema menor, orixinado pola proliferación de vehículos, agravado pola estrutura da cidade, e a non decidida implicación dos poderes públicos. A mediados dos anos oitenta, sendo alcalde Vicente Quiroga, cando o parque automobilístico se multiplicou, en Lugo a solución foron tres aparcadoiros soterrados, nas prazas da Constitución, Santo Domingo e Ferrol, coas dificultades de toda obra pública, multiplicadas pola riqueza arqueolóxica do subsolo. O incremento de vehículos, a reducción de espazo urbano para circular, propiciaron o nacemento doutros aparcadoiros, na maioría dos que o «pero» principal é o custo elevado. Pechado o de Camiño Real, e correndo perigo o de Ánxel Fole, só quedan os soterrados iniciais (e o da rúa Montevideo, onde só se explanou o terreo para aproveitalo en superficie), sumándose ao problema da escasez a estreitez das prazas calculadas para vehículos dos anos oitenta, solucionando o problema os usuarios ocupando tres prazas con dous vehículos. E así estamos, temendo que o centro da cidade se poña máis difícil para os que somos lucenses- sentimos que estamos incompletos se non imos ata o centro coa armadura dos tempos modernos.

Ao PP faltoulle tempo para presentar no Concello a idea de utilizar once solares para, de acordo cos propietarios, crear novos aparcamentos. Polo que se ve, aparcar deixa de ser problema de segunda e pasa ao primeiro plano municipal, como lóxico complemento á pretendida peonalización. Entramos nun tempo novo en relación co tráfico, a humanización da cidade e o feito de aparcar, do que esperamos moito por pura necesidade.