A mirada

Carlos Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

LUGO CIUDAD

17 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

pasado sábado organizamos un paseo polo Lugo menos coñecido, no que un numeroso grupo de asistentes tivo a oportunidade de facer un percorrido pola cidade, que nós deseñamos para que coñeceran aqueles lugares aos que non van os turistas, aqueles pormenores da cidade nos que case ninguén se fixa. Como Lugo pasa con calquera outra cidade, vila, aldea ou territorio de Galicia. A nosa vista e os outros sentidos están educados polos medios de comunicación e polas redes sociais, que nos inculcan certos fitos como igrexas, catedrais, bancos con paisaxe ou determinados conxuntos que son referencia común.

É xa algo demostrado e comprobado que a inmensa maioría dos turistas que veñen a Galicia van visitar esas catro localidades turísticas e unha ducia de monumentos ou fitos que aparecen en todas as guías turísticas, ignorando lugares e espazos, que por non ser famosos, pasan desapercibidos.

O paseo do sábado demostrounos, tamén pola testemuña final de moitos asistentes, que descubriron lugares polos que pasan a diario pero que nunca se pararon a observar, a gozar, edificios ou conxuntos de árbores que morren na ignorancia dos propios cidadáns que viven na cidade.

Un paseo por Noia ou por Muxía, para os da zona, pode abrir moitas pautas de coñecemento que axuden a valorizar barrios descoñecidos, pequenos espazos con encanto, pormenores que unha vez mirados con outra perspectiva poden mellorar a relación da cidadanía coa súa contorna. Andamos con présas e tampouco temos quen nos aprenda a mirar doutro xeito o que nos arrodea.