—¿Como define ao alumnado?
—Manifesta un interese enorme por aprender, mellorar os seus coñecementos e son moi agradecidos. Están nas titorías e o pouco que lle das, devólvecho con creces. Admíroos pola capacidade organizativa porque moitos compaxinan a vida laboral e familiar con estudar. Temos tamén xente maior que no seu día non tivo a opción de acceder á universidade. De aí que se desmonte un mito porque moitas veces chámaselle a Uned a universidade da segunda oportunidade e ás veces somos a primeira.
Mais da metade de alumnos con discapacidade estudan na Uned
Un campo onde a Uned é pioneira é na formación ás persoas con discapacidade. Tanto é así que mais da metade destas persoas estudan na Uned. Os alumnos atopan aquí a súa atención personalizada posto que ao formalizar a matrícula, apúntanse directamente en Unidis (Centro de Atención a Universitarios con Discapacidade), que coordina e desenvolve unha serie de plans de actuación en distintos ámbitos e que constitúen as súas principais funcións e servizos.
En canto ao número de titulacións que imparte a Uned en Lugo contabilízanse 28 grados, once grados combinados e 76 másteres. Os mais demandados seguen a ser Psicoloxía e Dereito, malia que actualmente está collendo moita forza Criminoloxía. Pola contra, Filoloxía e Antropoloxía son as que menos éxito causan.
En total son 88 profesores titores, incluídos os das aulas, os que se encargan de ensinar a tódolos estudantes nun centro que tamén conta cun proxecto coa Deputación sobre a Comunicación e Cultura dixital. Desde o centro traballan en dar soporte as asociacións culturais da provincia para que o esforzo do tecido asociativo sexa o mais visible posible.
Materias titorizadas
Outro punto a destacar da Uned é que tódalas materias que se imparten no centro son titorizadas. Porén, os alumnos contarán cun profesor que durante unha hora a semana (e por materia) lles axudará a preparar as probas presenciais e a estudar a asignatura, ven sexa presencial ou a distancia. Nos últimos cursos levouse a cabo por videoconferencia desde outros centros do Campos Noroeste.
Ademais, os estudantes contarán co servizo de biblioteca de 9.00 a 21.00 horas, que se adaptará a tódolos públicos e a todo tipo de necesidades. Tamén se incorporará o rexistro electrónico nas aulas de Foz, Monforte e Viveiro para que os alumnos poidan enviar a súa documentación de xeito oficial dende a súa aula a sede central de Madrid.
Cabe recordar que a Uned de Lugo é pioneira na xestión de calidade e proba disto está en que foi o segundo centro a nivel nacional en conseguir a acreditación de calidade e o primeiro en lograr dito recoñecemento a nivel dous. Actualmente traballan para acadar o nivel tres.