A Banda Municipal de Lugo volverá a actuar nas festas do San Froilán

Lorena García Calvo
LORENA GARCÍA CALVO LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Carlos Castro

Ensaiará con músicos de reforzo e o Concello quere recuperala a partir de aquí

13 sep 2019 . Actualizado a las 20:55 h.

Tres anos despois de que a Banda Municipal de música de Lugo tocase a súa última peza no San Froilán, a formación volverá participar nas festas patronais. Así o anunciou a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, que avanzou que nos vindeiros días a banda comezará a ensaiar reforzada por músicos externos e da man dun novo director que actuará como convidado, á espera de que se contrate un permanente. Porque a intención do equipo de goberno é que a actuación do San Froilán supoña un antes e un despois na recuperación da banda.

«Convidaremos dirección e intérpretes para reforzar a banda, que comezará a ensaiar a próxima semana. Agardamos que este sexa o punto de partida para recuperar a normalidade na Banda Municipal», declarou Ferreiro.

A formación lucense leva dous anos e oito meses sen director dende que o anterior se xubilara. Un tempo de complicacións que agora tentan resolver. Dende o departamento de Recursos Humanos do Concello xa están a traballar para atopar substituto.

O concerto da Banda Municipal será o 12 de outubro na Praza de Santa María. Xunto á formación lucense tamén actuarán a Banda Filharmónica de Lugo seguida da Banda da Escola de Música de Rianxo, ambas o día 5 na Praza de San Marcos. O Domingo das mozas participarán a Banda de Música de Outeiro de Rei e a Banda de Santiana de Figueira da Foz. A presenza de bandas de música fora unha das demandas plantexadas polo PP.

Operativo San Froilán

A alcaldesa, Lara Méndez, e a subdelegada do goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, abordaron onte o dispositivo de seguridade para as festas. Incluirá dúas patrullas permanentes da Policía Local no recinto feiral, reforzando a tres os festivos e fins de semana, e outras dúas patrullas (ou ata tres) nos mesmos casos nas zonas de maior afluencia de público. Dúas parellas da Policía Local estarán nos cortes da Ronda atendendo a programación das festas, unha situarase na Porta de Santiago e outra en Ramón Ferreiro.

O Concello prepara un dispositivo de seguridade para 30.000 persoas no Caudal Fest

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a subdelegada do goberno, Isabel Rodríguez, copresidiron onte a xunta local de seguridade na que se coordinaron os dispositivos que se despregarán para o Caudal Fest da vindeira semana, evento impulsado polo Concello

Para o venres, primeiro día do Caudal, o plan de seguridade inclúe unha dotación de bombeiros, cinco patrullas da Policía Local e unha de atestados. O sábado incrementaranse a seis as patrullas de Policía Local e unha máis de atestados. Tamén se contará con persoal para a regulación do tráfico e o operativo reforzarase con efectivos da Policía Nacional.

A empresa organizadora do festival aportará 44 vixiantes para o acceso ao recinto e 22 vixiantes máis de seguridade. A previsión é que participen unhas 30.000 persoas no evento. A prioridade é que se celebre coa máxima seguridade, sinalou a rexedora lucense.