O Día do veciño reunirá na cidade a 4.000 lucenses

La Voz

LUGO CIUDAD

cedida

A celebración acada a súa maioría de idade o domingo

11 sep 2019 . Actualizado a las 20:59 h.

O vindeiro domingo celebrarase no Pazo de Feiras de Lugo a edición número 18 do Día do veciño, unha iniciativa impulsada pola Federación de Asociacións de Veciños e que reunirá a máis de 4.000 persoas procedentes de toda a provincia. Desta volta o evento estará dedicado á defensa do mundo rural, logo de que o colectivo se integrase na plataforma España Vaciada.

Dende as 10 da mañá do domingo o Pazo terá actividade. Un cento de voluntarios participarán nas tarefas de preparación do encontro mentres a esa mesma hora se disputa no campo da Cheda un partido amigable con xornalistas. Logo haberá unha exposición de preto de medio cento de artesáns da provincia e varios grupos de música tradicional encargaranse de animar o evento xunto cos bailaríns da Escola Ritmo Lugo.

Ás 13:30 horas está previsto que comece o xantar de confraternidade que será a base de produtos lucenses como son os pementos de Mougán, o pan de Antas, o viño da Ribeira Sacra ou a augardente de Portomarín. Deste xeito promocionaranse os produtos con indicación xeográfica protexida a través dunha colaboración coa Xunta.

Os premiados deste ano

Durante os actos do domingo a Federación de Asociacións de Veciños aproveitará para facer entrega dos premios V de Veciños cos que recoñece a labor de lucenses na dinamización e promoción da súa comarca e da provincia.

Entre os galardoados deste ano están o presidente da Deputación, José Tomé; a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga; ou a asociación veciñal de Cervantes.

Unha das actividades que terán lugar o domingo é a gravación dun vídeo bailando a Rianxeira coa que a Federación Veciñal quere solidarizarse con movementos como Teruel Existe ou Soria Ya.