Racionalizar

XULIO XIZ TRIBUNA

LUGO CIUDAD

10 ago 2019 . Actualizado a las 19:07 h.

Xa afeitos á lei do máis forte, o Concello de Lugo vai abordar o problema do tráfico na capital e do aparcamento de vehículos. Porque circular por Lugo é un problema que se agudiza en canto caen unhas gotas xa que todos sacamos os coches á rúa como se fose a primeira vez que vemos chover.

Especial dificultade presenta o feito de aparcar no recinto amurallado, no que os aparcamentos soterrados concesión do concello se quedaron estreitos para os vehículos actuais, sendo habitual que dous coches ocupen tres prazas. E a anulación do aparcamento regulado polo sistema Ora deixou moitos espazos sen control nos que quen consegue aparcar sen límite horario, non deixa rotar a praza entre o resto de aspirantes.

Non se respectan as paradas dos buses, zonas de carga e descarga nin beirarrúas, coa seguridade de que a vixiancia policial é raro que se aplique a temas que parecen menores, afectando tanto á circulación. Agárdase que esta situación cambie pola unanimidade dos concelleiros en apoiar a proposta do Partido Popular para buscar un novo modelo de aparcamento e, polo tanto, racionalizar a circulación na cidade. Fálase de aparcamentos disuasorios, cando os lucenses estamos afeitos a chegar co coche ao lugar ao que nos diriximos, polo que moito nos queda por aprender, e moita imaxinación haberá que botarlle a unha situación caótica da que todos somos responsables. Agardemos que a “Mesa do transporte” constituída no concello traballe co “sentidiño” que precisamos, e vaia marcando posibles solucións para que Lugo deixe de ser un caos e nós deixemos de ser uns auténticos anarquistas da circulación.