Rubén Arroxo: «Cando estudaba, a xente dicía de quedar e eu era o tolo que ía correr»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Carlos Castro

O atletismo foi a «columna vertebral» da vida do político, varias veces campión galego

18 mar 2020 . Actualizado a las 19:04 h.

Tres veces á semana Rubén Arroxo calza as zapatillas de deporte e sae a correr por Lugo. Faino para desconectar, pero sobre todo porque goza. Moito antes de que a política aparecera na súa vida, xa era atleta e coleccionaba medallas autonómicas. Hoxe dedica parte do pouco tempo libre que lle permite o seu cargo como tenente de alcalde a adestrar a un grupo de deportistas. Ten moi claro que cando as súas responsabilidades públicas rematen o atletismo seguirá na súa vida. É o seu fío condutor dende neno, di co seu perenne bo humor.

-Como é iso de que o atletismo fiou a súa vida?

-Realmente foi a columna vertebral da miña vida, porque dende os 13 anos foi sempre unha parte do que fixen, todo ía ligado a el. Cando marchei estudar fóra o primeiro que fixen foi buscar onde estaban as pistas de atletismo. Que ía traballar nisto?, pois vía de organizarme para encaixar ir correr... Mesmo cando encabecei por primeira vez a lista do BNG o primeiro que pensei foi: e despois cando vou poder ir correr? [Risas]. Para min é algo que está sempre presente. Son 20 anos co atletismo na cabeza e acaba sendo unha droga.

-O deporte sobreviviu na súa vida á época de estudante, e agora á de político.

-Si, e era complicado. Cando estudaba na Coruña sempre tiña dúas horas para ir adestrar, a pesar de que era difícil. Lembro que a xente dicía de quedar e ir tomar algo e eu era o tolo que ía correr, porque esa era a concepción que tiña a xente. Daquela ir correr non era habitual. Ademais, en Lugo había moitos grupos de atletismo, pero cando cheguei á Coruña non había nada. O 90 % dos días estaba eu só, cos de rugby, na pista de atletismo. Pero estaba convencido de que me encantaba, e alí seguín. Houbo algún ano que foi duro mentalmente, pero viña para a casa as fins de semana e xa se me quitaba.

-Vostede era velocista ou máis de fondo?

-Fun atleta de fondo dende sempre. Recordo que xa o primeiro ano, nada máis entrar, xa me meteron no 3.000, e porque non había carreiras máis longas [risas]... Con 19 anos xa fixera tres medias maratóns, cando xeralmente non se acostuman correr ata os 25. Porén nunca corrín unha maratón, e teño ganas. Planifiqueino varias veces, pero a maratón esixe máis preparación. Sei que se agora a corro chego á meta, pero quero prepararme para facela dignamente, e nunca atopei tempo para preparala.

-Ser fondista axudoulle na súa vida política?

-Achegoume moito. Está mal que o diga eu, pero teño unha característica positiva que non vexo a ese respecto nos demais. Ser fondista implica mirar a anos vista, mentalízaste de que o que estás facendo agora non é para curto prazo, e tes ese chip tan instaurado que na política xa che sae só. Estás vendo que o que fas agora obterá resultados a longo prazo se traballas.

-Compaxina ben deporte política?

-Se te organizas ben, si, pero é custoso. Tamén para min é o momento de desconexión. Eu cando máis adestraba era nas épocas de exames, tras estar todo o día estudando. Chegaba un momento, aí sobre as oito da tarde, que non podía máis e saía a correr ou facer un adestramento enteiro. Dáballe un par de horas e a cabeza ventilábase. Volvía novo. E agora, igual coa política.

Orixe. Naceu en Lugo no ano 1985.

Traxectoria. Atleta dende os 13 anos, ten varios campionatos e medallas galegas.

Situación actual. Participa en carreiras para afeccionados e adestra a un grupo de 17 atletas en Lugo.

«Fixen a miña mellor marca por culpa de Abel Antón»

Máis de dúas décadas como atleta dan para moitas anécdotas, pero cando se lle pregunta a Rubén Arroxo cal é a carreira que máis lembra non dubida e responde cun sorriso.

-Unha media maratón en Ferrol no 2006. Eu estaba en plenos exames e fun por desconectar. Era un día de inverno terrorífico e estaba diluviando. Ese día estaban correndo Abel Antón e Martín Fiz, que seis anos antes estaban en Sydney. Sucedeu que no quilómetro 17 adiantei a un tipo e vin que era Abel Antón. Quedei medio alucinado. Lembro que me dixo: «Eh, rapaz, sabes canto queda?». Díxenlle, pois sobre catro quilómetros, e respondeu cun «buff». Nese momento vin que quedaba atrás, e eu pensaba «estou adiantando a Abel Antón, ao campión do mundo!». Apertei coma un tolo dicindo «hoxe non me gaña». Eu ía morto, pero lembro facer eses catro quilómetros dándoo todo. Fixen a miña mellor marca por culpa de Abel Antón [risas].

-Pregunta obrigada para calquera deportista: as marcas.

-Pois cando tiña 20 anos fixen 1 hora e 16 minutos na media maratón, que foi a miña mellor marca. Logo, fixen 9.50 nos 3.000 obstáculos, e 15.50 no 5.000. Son ás que lle teño máis aprecio.

-Que ten o atletismo para que lle atraia tanto?

-Creo que é a base de todos os deportes e ten ese punto de que é individual, compites ti só, pero ao mesmo tempo traballas en grupo e crease un equipo moi san. Non é coma noutras disciplinas, nas que pode haber tensións competitivas.

«Na campaña botei mes e pico sen ver ao grupo que adestro»

Baloncesto, fútbol, iudo, piragüismo... Rubén Arroxo atreveuse con todo tipo de deportes, sen embargo, foi o atletismo o que entrou na súa vida para non saír.

-Ata que nivel chegou a competir?

-Nunca fun un atleta de alto nivel, pero competín en catro campionatos de España universitarios, un de cros júnior e un de cros absoluto por equipos. E tamén nalgunha liga de clubs a nivel estatal. Logo, a nivel galego quedei campión varias veces e medallas teño unha ducia delas. Ata os 24 anos adestraba a nivel competitivo, a partir de entón leveino máis relaxado, como agora.

-Que o levou a levantar o pé do acelerador?

-Pois tomei a decisión o 3 de maio do 2010. Ese ano tiña obxectivo de facer 9.30 no 3.000 obstáculos e ían saíndo as cousas ben, pero dende mediados de febreiro empezoume unha fisura de estrés no pé, típico de fondistas, e deume dúas veces. Primeiro parei un mes, e cando me pegou o 3 de maio, cabreeime e ao final tiven que deixalo todo. Ese foi o meu último adestramento pensando a nivel competitivo. A partir de aí recuperei, seguín correndo, pero xa nunca planificando.

-Agora segue participando en carreiras, pero como amateur, e adestra a un grupo.

-Teño un grupo de atletas que é unha marabilla, xente moi sana, xente que fai o deporte con moito convencemento. Se non fora así, tendo un adestrador a distancia sería imposible (risas). Os máis novos teñen 18 ou 19 anos e os máis maiores son veteranos, de máis de 50.

-Como é iso de adestrar na distancia?

-Consigo compaxinalo todo, pero menos do que quixera. Eu fágolles a planificación, pásolla e vounos visitar cando vou podendo. Doulles todos os exercizos. Por exemplo teño algúns pertiguistas que necesitan tamén máis supervisión, pero eles van adestrando aspectos como a forza e saben o que teñen que facer. Na campaña botei mes e pico sen velos, tívenos algo abandonados. Para min o de adestrar é a evolución natural do atleta ao que lle gusta moito o atletismo e quere seguir. É tamén o que lle pasa a moitos futbolistas, que seguen como adestradores. Levo adestrando moito tempo e gústame moito. Comecei botando unha man nas escolas do Lucus e logo xa enganchei. Traballei dando actividades extraescolares en varios colexios grazas a iso. Ver a evolución dalguén é incrible.