Homenaxe ao cura García Otero polos 50 anos de vida sacerdotal

O recoñecemento celebrarase o vindeiro domingo no campo de fútbol da Balouta, en Muimenta


lalín /la voz

As parroquias onde exerce o sacerdocio José Antonio García Otero continúan moi implicadas na organización de homenaxes por mor das súas vodas de ouro sacerdotais, celebradas oficialmente na festividade de San Xoán de Ávila, nun acto que presidiu o bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, coa participación dos tamén sacerdotes da comarca dezá Alvito García e Manuel Cibeira, cuxa ordenación compartiron os tres o 16 de xuño do ano 1969.

O campo de fútbol da Balouta (Muimenta, Lalín) foi o sitio escollido polos veciños das parroquias de Parada, Alperiz, Cadrón, Lamas de Cadrón, Castelo e Muimenta para xuntarse este vindeiro domingo co gallo de tributarlle un recoñecemento ao que é o seu párroco dende hai máis de tres décadas, nalgún caso, e despois de que semanas antes o fixeran os fregueses de Cercio e a súa contorna.

A homenaxe a José Antonio García Otero comezará cun acto eucarístico á unha do mediodía na chaira do campo de fútbol, que oficiará o sacerdote lalinense homenaxeado e ao que se prevé acompañe no oficio relixioso un grupo de compañeiros de profesión, para seguidamente compartir un xantar de confraternidade. O menú, que será a base de polbo e carne ao caldeiro, servirase baixo unha carpa que se instalará no campo de fútbol, e segundo a previsión que barallan os organizadores superaranse os 300 asistentes.

A homenaxe comezou a formularse unhas semanas atrás, despois de que transcendera a nova da celebración das vodas sacerdotais en Lugo de García Otero, e na organización deste emotivo recoñecemento figuran catro persoas pertencentes ás diferentes parroquias nas que exerce o labor pastoral José Antonio, que recibirá varios obsequios da veciñanza por mor desta significativa data.

Obsequio dun coche ao chegar dende O Courel

Veciños e sacerdote lembran con nitidez o obsequio que os fregueses de Muimenta lle fixeron a García Otero cando chegou á parroquia procedente de O Courel: un coche; máis concretamente un Renault Clío, lembra algún veciño do lugar. «Eran tempos en que os curas non tiñan tantas posibilidades coma hoxe e daquelas pensamos que era o mellor regalo que se lle podía facer». Diso fai 30 anos, que son os que leva «misando aquí en Muimenta». Cada familia fixera por aquel entón unha achega de 15.000 pesetas para sufragar o custo do vehículo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Homenaxe ao cura García Otero polos 50 anos de vida sacerdotal