«Levamos 15 anos pedindo saneamento e abastecemento de augas na provincia»

María Guntín
maría m. guntín LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

ALBERTO LÓPEZ

Ángel Abuín encabeza a loita de máis de 600 persoas que piden servizos básicos en municipios da provincia de Lugo

09 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ángel Abuín é o presidente da plataforma Lugo en pé. Hai quince anos, el e outros veciños de Esperante, Calda, Lamas e Monte de Meda, levan máis de 15 anos esixindo un servizo básico: o de saneamento e abastecemento de augas. «Levamos moitos anos pedindo saneamento. Cando se fixo o da Louzaneta dixéronnos que quedaría previsto, e non houbo ningunha mellora polo momento», explica Ángel.

Ás aforas de Lugo, aos pés da N-640, un gran número de casas non contan con saneamento e abastecemento. As alternativas son fosas sépticas -que xeran un gran problema á hora de eliminar os residuos- ou pozos, aínda que cada vez son máis os conflitos veciñais derivados destas construcións. «É difícil ás veces ata facer un pozo, porque non o podes poñer preto de outro para que non o seque», explica Ángel, que tamén conta como xa hai máis de 15 anos fixeron as primeiras reivindicacións para esixir a instalación de servizos básicos nas zonas que rodean Lugo.

«A Xunta acordou poñer o 70% do diñeiro necesario para as obras, e o Concello, o 30%», conta o presidente de Lugo en pé, que tamén afirma que, ata agora, ninguén se implicou nun proxecto que considera «necesario» para o día a día dos máis de 600 veciños que viven nas zonas máis afectadas.

Ademais, os problemas de abastecemento e saneamento tamén afecta ás empresas instaladas a carón da N-645. «Algunhas contan con máis de 100 traballadores e fixeron pozos que finalmente non lles serviron para nada», explica Ángel.

16 empresas asentadas

Na zona de Esperante e Calde hai 16 empresas asentadas, «todas se verían beneficiadas con estas melloras tan necesarias, e así contaminaríase menos», conta Ángel.

O Hospital de Calde ten a súa propia depuradora, creada a raíz dunha denuncia de Seprona. As augas residuais de Esperante, Calda, Lamas e Monte de Meda van dar, segundo Ángel, ás augas do río Miño.

«Nós entendemos que é unha obra custosa e pouco vistosa, pero no 2017, o Concello prometeu 300.000 euros ao ano para intentar crear a rede de saneamento e abastecemento», conta Ángel, que tamén engade que, ata o día de hoxe, aínda non se percibiu nada desta cantidade.

Os veciños dos municipios das aforas de Lugo tamén pediron axuda á Confederación Hidrográfica, pero esta non tivo bos resultados.

Máis de 15 anos de loita

O abastecemento e o saneamento nas zonas próximas a Lugo xa foi un tema a tratar durante o mandato de Orozco, hai máis de 15 anos. O Concello ten baixo a súa chave cinco proxectos, e entre eles, un estudo de alternativas, explica Ángel Abuín, que reitera que os veciños das zonas que abrazan á cidade tomarán medidas pronto para reclamar a instalación destes servizos.