«As palabras conéctannos con nós mesmos»

O poeta lucense Lois Pérez participa no ciclo De Perto co seu peculiar recital ás 20.30 horas


O Barco

Lois Pérez naceu en Lugo en 1979 e aínda que el mesmo se describe coma «os restos do que algún día foi un poeta», quédanlle moitas rimas por compoñer. Esta tarde, ás 20.30 horas, presentará o seu novo espectáculo nos xardíns da Casa Grande de Viloira, en O Barco de Valdeorras. A iniciativa forma parte das propostas do ciclo De Perto.

-En que consiste o seu espectáculo?

-Pois é unha mestura de poesía, de narración oral, algo de humor e un pouquiño de música. É unha especie de recital no que irei compartindo algúns dos poemas que recolle o meu libro «Long Play», publicado no 2017. Estarei acompañado da miña guitarra e tamén incluirei algunha historia ou algún conto.

-De todas estas formas literarias ou artísticas, quédase con algunha concreta?

-Para os monologuistas son demasiado intelectual, para os narradores orais son demasiado divertido, entón non sei moi ben onde localizarme. Adícome a explorar o patetismo en tódalas súas formas, son pluripatético, así que non sabería quedarme cunha faceta. Supoño que a de contador de historias está moi de fondo pero me quedo con todas. Debería centrarme nalgunha para facela mellor, pero os de Lugo somos así, facemos todo ao revés.

-Como chegou ata onde está hoxe en día?

-Antes xogaba profesionalmente ao fútbol sala e animaba un pouco os autobuses e os vestiarios. Nesas noites de viaxes longas sempre acababan os compañeiros ao meu lado para rirse un pouco. Aquí cheguei polos libros de Borges e Cunqueiro, que deron lugar a moitísimos máis e dende aí xa non parei. Houbo moitos encontros literarios que me trouxeron ata onde estou hoxe, libros que estaban na casa dos meus pais e algún que outro que collín dalgunha biblioteca.

-Cre que fai falla reivindicar a palabra oral?

-Vivimos nun tempo no que a palabra en xeral se banalizou e se lle quere quitar importancia. Nesta época de invasión da tecnoloxía e das redes sociais, con estímulos constantes de imaxes e vídeos, é importante tamén devolvernos o sentido primixenio da palabra cos contos e coas historias, que nos fan saber de onde vimos e que é o que pasou. As palabras póñennos en contacto con nós mesmos. Escoitar e falar serven para cambiar as cousas e tamén para facernos gozar e sentirnos máis libres que é tamén o sentido de calquera manifestación artísticas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«As palabras conéctannos con nós mesmos»