A cidade do Sacramento por excelencia

MARCOS CALLES / XULIO XIZ

LUGO CIUDAD

CEDIDA

Lugo acolleu en 1896 un congreso eucarístico ao que acudiron importantes cargos eclesiásticos

28 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A cerimonia da Ofrenda, e o culto de Galicia ao Santísimo, seguiu en auxe durante oséculo XIX, con incremento da dignidade do lugar da exposición permanente. E así, o día de Corpus Christi de 1812 inaugurouse a aclamada obra en mármore de Antonio Sanjurjo sobre deseño de Melchor de Prado, que representa un rompemento da Gloria, con anxos e serafíns, colocada na zona central do tabernáculo.

En 1854 aconteceu un acto terrible que conmocionou a Lugo e a toda Galicia: a noite do 8 de decembro produciuse o roubo do Santísimo Sacramento, levando os ladróns “el Disco o Circo de la Gran Custodia del Altar Mayor” que en 1772 agasallara o Arcebispo de Zaragoza, Juan Sáenz de Buruaga.

O roubo orixinou o cese do culto na catedral, que se renovaría, con grandes festexos, o 21 de dito mes por orde do bispo Santiago Rodríguez Gil. A nova custodia, sufragada con achegas do pobo galego e da Raíña Isabel II, foi fabricada nos talleres Ramírez de Arellano de Madrid, e colocada o 1 de novembro de 1860 no seu tabernáculo do Altar Maior, onde segue na actualidade.

O feito máis destacado deste século foi a celebración do 26 ao 30 de agosto de 1896, na “cidade do Sacramento” por excelencia en España, do II Congreso Eucarístico Español, que contou coa presenza, entre outros, de Serafín Cretoni, Cardeal Pro-Nuncio do Papa en España; Salvador Casañas y Pagés, Cardeal Bispo de Urgel e Gregorio Aguirre García, Arcebispo de Burgos e anteriormente bispo de Lugo.

Neste congreso efectuouse unha Ofrenda ao Santísimo en nome do Reino de Galicia por parte de Ramón Iglesias Camino, Alcalde de Lugo, sendo respondido por José Martín de Herrera, Arcebispo de Santiago de Compostela, que sinalou: “celebramos este Congreso Eucarístico, para dar público testemuño de fe na presenza real do Noso Señor Xesucristo no Santísimo Sacramento do Altar, ¿qué confesión máis explícita deste Misterio, que a do moi digno representante do antigo Reino de Galicia?”.

En 1896, a S.I.C.B. de Lugo foi elevada ao rango de basílica, xusto trato para a secular casa do Santísimo Sacramento. O seculo XX estivo en Lugo impulsado, nos seus inicios, polos ecos do II Congreso Eucarístico Español de 1896, supoñendo isto o pulo definitivo na secular tradición da Ofrenda. Tras o primeiro cuarto de século, no que bispos lucenses como Benito Murúa (?1912) ou Manuel Basulto (?1936), recibiron a práctica totalidade das ofrendas das cidades, Frei Plácido Rey Lemos (?1941) estableceu unha quenda de oferentes, comezando por Lugo, seguindo por A Coruña, Santiago, Ourense, Mondoñedo, Betanzos e Tui; interrompéndose en 1931 con Betanzos, e en 1932 con Tui, sendo realizada entón a Ofrenda pola Adoración Nocturna; posteriormente, esta orde de Ofrenda foi consolidada, e continúa na actualidade.

Este século permite comprobar o agarimo e entusiasmo con que se celebraba a Ofrenda; así, en 1912, fálase de afluencia de público “como no se vio desde la época del Congreso Eucarístico y Exposición Regional”, atopando entre os festexos posteriores, unha exhibición de avións, sesión de fogos artificiais ou varias orquestras.

Nos anos vinte abundaron grandes titulares na prensa local, como: “Solemnidad memorable en Lugo” (1924), “Galicia ante el Santísimo” (1926) ou “La grandiosa peregrinación Eucarística del Domingo” (1928), mencionando sempre o enorme número de peregrinos que acudían a Lugo o domingo da Ofrenda.

A Guerra Civil no impediu a celebración da cerimonia, rexistrándose en 1940 un grande número de participantes na XII Peregrinación Galega ao Santísimo, saíndo da catedral polas engalanadas rúas da cidade unha solemne procesión que incluía “danzarines de Betanzos” e “dos interminables filas de hombres”.

En 1969 celebráronse os 300 anos da escritura do donativo por parte do Reino de Galicia e, o 3 de maio, no BOE, con motivo da edición dun selo conmemorativo, lese: “El alto valor espiritual que entraña el privilegio desde el siglo VI de disfrutar de la exposición perpetua y continua del Santísimo Sacramento y la recordación del compromiso del

Antiguo Reino de Galicia para el sostenimiento de su culto, alcanzaran relieve nacional en el presente año”.

Aquel ano o oferente foi Manuel Fraga, interrompendo así a quenda das cidades, recuperado en 1970 polo alcalde de Tui, Teodosio Baquero.

A cerimonia da Ofrenda do Reino de Galicia celébrase en Lugo o domingo despois de Corpus Christi que, ao ser trasladada esta festividade en 1989 do xoves ao domingo, supuxo que o “domingo infraoitava do Corpus” se retrasase unha semana.

A Ofrenda mantense, con leves variacións, desde a modificación do bispo Fr. Plácido Rey Lemos, comezando o sábado co recibimento polo Cabido á comitiva municipal, co delegado rexio que por quenda corresponda, que será o oferente, sendo os últimos alcaldes Ramón García (Betanzos) en 2018 e Elena Candia (Mondoñedo) en 2017.

O domingo pola mañá, tras a recepción de autoridades no Concello, hai un solemne desfile ata a porta norte da catedral, baixo o Pantocrátor e o“pinjante” eucarístico, onde agardan os responsables do templo. A Misa de Pontifical conta coa presenza dos bispos das Dioceses de Galicia e da de Astorga; sendo os últimos que recibiron o voto, o Arcebispo de Santiago, Mons. Julián Barrio, en 2018 e o bispo de Mondoñedo-Ferrol, Mons. Luis Ángel de las Heras, en 2017.

Nesta cerimonia teñen relevancia os discursos do delegado rexio e do bispo receptor, que dá resposta ao voto. A tradicional ofrenda, de 1.500 ducados ao comezo, é simbólica agora, sen que por iso sexa menos valiosa.

Tras a ofrenda e a Santa Misa, da comezo a procesión polas rúas de Lugo, co Santísimo Sacramento como protagonista, e incluíndo na comitiva epresentantes do clero, autoridades e numerosos fieis. É costume que, tras os actos, se ofreza unha comida oficial que pon colofón ás celebracións do Corpus Christi.

A relevancia desta celebración orixina que agora proliferen as publicacións sobre o tema, sendo boa mostra buscadores como Google, onde aparece con máis de 30.000 resultados. As últimas edicións contaron coa retransmisión en directo por Youtube, aumentando así a súa difusión entre a poboación, sen ter que acudir á catedral, que nese día está abarrotada.

A Ofrenda do Reino de Galicia aparece reflectida en todos os xornais galegos, e é obxecto de atención polos medios audiovisuais, sendo proba de que este referente histórico, relixioso e cultural ten un especial arraigo entre o pobo galego.