Danzas populares e flores enxalzan o Corpus

O grupo lucense Os Xílgaros recupera e adapta bailes e músicas tradicionais para pór en valor a festa


Lugo / La Voz

A cidade vive hoxe unha das xornadas máis populares do calendario festivo lucense: a celebración do Corpus Christi, unha festa rodeada non só de devoción, senón tamén de música, baile e colorido. Este ano, ademais, a festa é dobremente especial, ao celebrarse o 350 aniversario da Ofrenda ao Antigo Reino de Galicia, un acto que terá lugar o próximo domingo día 30.

Os actos para a festa de hoxe desenvolveranse na contorna da Catedral, da Praza de Santa María e da Praza Maior, aínda que desde o Bispado de Lugo aclaran que se o tempo non acompaña, trasladarase a actividade ao templo. O grupo de música tradicional Os Xílgaros son os encargados de inaugurar o Corpus no fondo da Praza Maior, desde as dez da mañá, cunhas pezas tradicionais a base de xotas, muiñeiras e pasodobres. A eucaristía terá lugar ás 11.00 horas, presidida polo bispo, Alfonso Carrasco, seguida da procesión. Actuarán tamén o grupo de cámara da Banda Filarmónica de Lugo, o Orfeón Lucense e a Coral do Hospital Xeral-Calde.

As vistosas danzas tradicionais, trala misa, correrán a cargo dos Xílgaros, que levan interpretándoas nesta festividade desde o 2014, xunto a OXeito. Segundo explica o presidente da asociación cultural Os Xílgaros, Óscar Pérez, «fomos os primeiros en facer estas danzas, tanto para o Corpus como para a Ofrenda do Antigo Reino. Trátase de danzas populares, amoldadas e adaptadas a este contexto. Estamos moi agradecidos ao Bispado de Lugo e ao párroco da Milagrosa, José Antonio Ferreiro, por confiar en nós». Concretamente, nesta ocasión interpretarán as danzas de Güin (Pasar e Paloteo), de Arcos de Camariñas, de Palillos, Cintas e Arquiños -como novidade este ano-, Carballesa do Incio e Marcha Procesional do Antigo Reino de Galicia. Para iso, teñen a colaboración do grupo de baile tradicional OXeito, dirixido por Xabier Iglesias.

Gaita solista na Catedral

A parte musical do Corpus tamén conta con outro momento cume: a gaita solista, en mans de Óscar Pérez, xunto ao órgano da Catedral, interpretado por Luis Varela, párroco da igrexa de A Nova. «Hai uns anos que o empezamos a facer, unha gaita solista xunto ao órgano da Catedral. É algo que nunca antes se fixera, pero o son envolvente destes dous instrumentos, interpretando a Marcha Procesional do Corpus e a Marcha do Antigo Reino de Galicia, xusto para recibir a entrada das autoridades, é algo impactante. O primeiro ano, mesmo había xente que pensaba que a música saía dun disco, do ben que soaba», continúa Pérez. Esta actuación repetirase ao final da homilía e á saída das autoridades.

Outro dos momentos máis esperados do Corpus será a procesión. A Xunta de Confrarías de Semana Santa de Lugo encárgase da organización da tradicional «chuvia de pétalos», coa colaboración de Teixido Flor de Guitiriz. Desde as 10.30 horas haberá membros da xunta de confrarías repartindo bolsas con pétalos no Convento dos PP. Franciscanos, para todas aquelas persoas que queiran colaborar arroxándoos desde xanelas, balcóns ou rúas ao paso do Santísimo en procesión.

Seis anos de amor pola música e as tradicións

 

 

Hai xa seis anos que Óscar Pérez se decidiu a montar un grupo de música tradicional. Foi no 2013 cando xuntou un cuarteto para un acto no San Froilán. O que estaba previsto que quedara nun encontro illado, excepcional, contou cunha moi boa acollida por parte do público e creou nos músicos a ansia por repetir. De aí naceu Os Xílgaros, como grupo de música tradicional, pero tamén como asociación cultural -que organiza diferentes festas, clases de gaita e pandeireta, e a xa tradicional foliada-magosto na Campiña-.

Nos inicios do grupo, non había moito tempo que Óscar Pérez tocaba a gaita -desde o 2010-, pero colleuno con ganas, movido non só pola afección e pola mestría coa que moi pronto comezou a tocar -interpretando temas tradicionais e compoñendo outros-, senón tamén por un motivo sentimental: Óscar é o neto de Fermín López Villares, coñecido como o gaiteiro de Vilares, de Neira de Vilares. «Cada vez que toco a gaita é para meu avó», afirma. Na súa lembranza mesmo encargou a Antón Corral unha gaita de buxo, na que gravou as iniciais do seu avó e a figura dun gaiteiro.

Na actualidade, compoñen Os Xílgaros, ademais do propio Óscar, Merche (bombo), César (caixa tradicional), David (gaita), José Luis (gaita) e Genaro (gaita). Tralas actuacións de hoxe no Corpus e do próximo domingo na Ofrenda, o 25 de xullo actuarán las festas de Santiago de Castelo, e en agosto estarán en Cervantes, Samos, A Pontenova e Chantada, entre outras festividades.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Danzas populares e flores enxalzan o Corpus