«Non houbo un só día na miña vida no que non pensase no fútbol»

Xosé María Palacios Muruais
xosé maría palacios LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

ALBERTO LÓPEZ

Víctor Basadre comezou moi novo unha carreira como técnico na que aínda non se sente canso

10 jun 2019 . Actualizado a las 12:58 h.

Un adestrador adoita ter un pasado como xogador. Víctor Basadre non é una excepción, pero coa particularidade de que comezou a súa traxectoria como técnico cando, en principio, aínda lle quedaban moitos anos por diante. O Comercial, unha referencia no fútbol base de Lugo, foi o seu primeiro clube.

O que veu despois supuxo un percorrido por Galicia, pois foi técnico do Castroverde, do Quiroga, do Xove Lago, do Mindoniense e do Endesa As Pontes. Foi axudante de Fabri no Mérida, en Segunda División, , e tamén adestrou en Cantabria e en Murcia. Empregando o título dun disco de Miguel Ríos, podería dicirse, pois, que os vellos roqueiros nunca morren; pero a Víctor Basadre quédalle aínda un longo camiño ata chegar á vellez.

-Que é máis difícil, ser adestrador de rapaces ou de adultos?

-A dificultade está en saber chegar ao xogador. Nese percorrido é igual de difícil o neno ca o adulto. Hai un mundo, o dos adultos, no que as decisións teñen unhas connotacións, porque hai cousas en xogo. Canto á execución, a dificultade é a mesma.

-Un adestrador é un ser solitario, especial...?

-Non creo que un adestrador estea illado do mundo. Un adestrador está hoxe moi acompañado por un grupo, pero ao final as decisións saen dunha soa persoa. O feito de concentrar esas decisións nunha persoa non te illa; pero colócate nun apartado diferente, nunha posición algo afastada.

-Como é realmente a relación cos xogadores?

-Es adestrador. Había comentaristas que a comparaban á do pai co fillo, pero ti es adestrador. Un adestrador tenta tirar o máximo rendemento do xogador, sobre todo e é un futbolista profesional; e para iso cómpre buscar recursos dende calquera punto de vista: de amigo, de psicólogo...

-Gózase máis sentado no banco ou xogando no campo?

-A mín gústame máis o banco. Cando un é escultor ou poeta, fai unha obra e séntese realizado. Ser adestrador é como facer un traballo de autor, ver que plasmaches unha idea. Sentirse realizado é unha das cousas que máis satisfai.

-Que sente cando un xogador fai un bo remate ou unha boa parada?

-Alégraste por el, pero tamén te alegras por ti mesmo; sentes un certo orgullo por esa xente coa que estás traballando.

-Cal é ca clave: ter carácter, saber excoñer as ideas...?

-Poño un exemplo. Un dos equipos que recordo con máis agarimo é o Xove Lago; eu tiña 24 anos, e algúns xogadores, 30. O liderado non é teu, dancho. De nada che vale ter carácter se non convences aos xogadores. Co carácter non dirixes un grupo; cos coñecementos, tampouco. O liderado concédecho o grupo. Ás veces hai que ter carácter; ás veces hai que ser amigo

-Cansa o banco?

-A min, non. Xa non é algo de agora, senón de toda a vida. Non houbo un só día da miña vida no que non pensase no fútbol. Hoxe, coa tecnoloxía que hai, tes para aburrirte: podes instruírte, documentarte, formarte. Hoxe, para estar no corpo técnico dun equipo, fai falta un máster.

«Co carácter non dirixes un grupo; cos coñecementos, tampouco»

«Hoxe, para estar no corpo técnico dun equipo, fai falta un máster»