Xurxo Iglesias: «Neste disco toco a guitarra, as mandolinas e o bouzzouki»

LUGO CIUDAD

O músico, que vive a cabalo entre Lugo e As Pontes, presenta o sábado 8 o seu primeiro traballo en solitario, «Alpha»

06 jun 2019 . Actualizado a las 08:36 h.

Despois de máis de dúas décadas ligado á música -nas que tocou acompañando a artistas como Susana Seivane- Xurxo Iglesias (As Pontes, 1977), que vive a cabalo entre Lugo e As Pontes, lánzase co seu primeiro traballo discográfico en solitario: Alpha. «Son moitos anos, pero cada día teño máis ilusión. Iso non pode faltar», subliña. O pontés, que presentará o disco o sábado día 8 no auditorio Alovi, compaxina esta faceta coas súas clases na Escola de Música de Ortigueira.

-Custou moito chegar aquí?

-Pódese dicir que levo traballando toda a vida neste proxecto. Non é a primeira vez que gravo, pero tiña moitas composicións. A parte de tocar, sempre compuxen, así que tiña moito material gardado. Pero, xa centrado e posto nisto levo un ano máis ou menos. Foi o de máis traballo de composición e arranxos porque todas son creacións miñas. No disco toco a guitarra, mandolinas e bouzzouki.

-Non está só, de quen se acompaña?

-Contei con varias colaboracións. Nas frautas está Pepe Vaamonde, na zanfona Germán Díaz e na arpa Rodrigo Romaní. Pero ademais tamén está a pegada de Andrea Gutiérrez á guitarra, Tabea Graser coa súa voz, Brais Maceiras no acordeón, Nacho Sanz na percusión e a do acordeonista bielorruso afincado en Lugo, Vadín Yukhnevich; e Paco Jarel como técnico de son.

-Por que o título de «Alpha»?

-É a primeira letra do alfabeto grego e, en sentido figurado, é o comezo de algo. Para min tamén é o inicio da miña andadura en solitario, así que pensei que era unha boa idea para reflectir os sentimentos de crecemento, evolución e desenvolvemento persoal que considero que estou atravesando.

-Atreveríase a poñerlle nota ao resultado final?

-A verdade é que estou tremendamente satisfeito. Moi, pero que moi contento porque era un proxecto difícil de levar a cabo. A complexidade harmónica e rítmica estaba aí, pero resolveuse sen problema cun resultado fantástico. Era o que buscaba desde o principio e non podo máis que darlle as grazas aos músicos que me rodean e que participaron no disco.

-É músico profesional, pero tamén profesor de guitarra. De onde lle vén tanta paixón pola música?

-Realmente de ningún sitio. Desde pequeno gustábame e decidinme pola guitarra, ese foi o meu primeiro instrumento. Pero non houbo, como lle pasa a outra xente, unha persoa que me animara a decantarme. Empecei de forma autodidacta e despois entrei na Rondalla Vila de As Pontes. Posteriormente, entrei no Conservatorio e xa fixen toda a carreira.

-A estrea do traballo será en As Pontes, máis nervios tocar na casa?

-Desde o principio tiña claro que a presentación sería na casa, ningún sitio mellor para facelo. O de estar ante un público coñecido sempre é un arma de dobre fío porque te reciben con moito calor, pero o público é moi esixente. Terei que responder ao mesmo nivel.