Soledad Gil: «A poesía permitiume liberar os meus sentimentos nunha etapa moi dura da miña vida»

LUGO CIUDAD

A escritora luguesa presenta esta tarde o seu primeiro poemario en La Ferretería

01 jun 2019 . Actualizado a las 09:03 h.

Soledad Gil Portela (Lugo, 1985) presenta hoxe en Lugo a súa primeira obra, Eclipses de silencio. O acto terá lugar ás 20.30 horas en La Ferretería Eventos & Co. O poemario, editado por Círculo Rojo, está cheo de experiencias que se mostran a través do amor, o desamor e a morte, «unha liberación da alma», segundo di a autora.

-Que encontrará o lector neste libro?

-A principal temática é a morte, pero tamén o amor e o desamor. Son poemas escritos en distintas etapas, desde o ano 2000.

-Cando empezou a escribir?

-Desde nena sempre me gustou escribir. Despois, na adolescencia, miña nai enfermou e a poesía permitiume liberar os meus sentimentos nunha etapa moi dura da miña vida. Foi unha maneira de levar a situación, de evadirme e de sacar o que eu sentía.

-Segue a ser un xénero minoritario o da poesía?

-Si, aínda que non entendo moi ben porque, supoño que os xéneros literarios van por modas. Hai xente moi distante coas obras poéticas e prefiren a narrativa. Aínda así, hai autores máis coñecidos que están facendo que a poesía sexa máis accesible.

-Seguirá escribindo?

-Si, estou cun novo proxecto cunha ilustradora para facer outro poemario, pero máis vistoso. Neste primeiro libro a experiencia xa me resultou moi positiva coas rapazas ilustradoras coas que traballei. Entre elas ,estiveron Lidia Cao, que ilustrou a portada; Raquel Lastra, de Lugo, e María Guerrero, de Vilalba.