«En todo Lugo só se formaron este ano 15 socorristas e só Barreiros precisa case 30»

O formador de socorristas Javier Villares Martínez (Viveiro, 1985) propón que no inverno fagan actividades relacionadas coas praias para darlles estabilidade laboral


viveiro / la voz

Javier Villares Martínez (Viveiro, 1985) foi un dos mozos que estudaba no inverno e traballaba como socorrista nas praias de A Mariña durante o verán. Licenciado en Actividade Física e Deportiva (INEF) e cun máster en docencia en secundaria, agora é autónomo e formador de socorristas para entidades como Cruz Vermella: unha profesión que esixe un nivel formativo e de reciclaxe continuo e sobre a que, segundo afirma, «non hai unha percepción realista». «Moita xente di: ‘Que ben vive o socorrista, tomando o sol todo o día’, pero é unha profesión na que nun segundo pos en risco a vida, e se non tes unha preparación boa e seguridade en ti mesmo, o rescate pódese converter nalgo moi perigoso», manifesta, e engade bromeando: «A serie Los vigilantes de la playa deunos moita publicidade porque antes case non había socorristas profesionais, eran todos voluntarios, pero non da boa».

-Para ser socorrista non basta con saber nadar. Que aprenden nos cursos obrigatorios?

-Son 420 horas que se reparten en distintos módulos con probas prácticas e teóricas a superar. O de natación é o só principio para adaptarse ao medio acuático.

-Como se poden previr os accidentes nas praias?

-No módulo de prevención, os alumnos aprenden a realizar medidas, detectar grupos de risco, que son nenos, anciáns, grupos de adolescentes, inchables, persoas intoxicadas por alcol...; saber que tipos de accidentes poden ocorrer, saber onde hai correntes e como localizalas para que o usuario non acceda á auga por ese lado. Trátase de minimizar riscos dentro das praias para adiantarse ao accidente.

-Que fai un socorrista cando chega a unha praia?

-O primeiro é dominar o seu entorno. Unha vez dominemos a praia, tratamos de evitar as zonas de maior risco, como as rocas, onde moitas veces se tiran os nenos e pode haber lesións. Notifícanse con sinais, bandeiras, acotando zonas perigosas. E se vemos algún comportamento raro advertímolo a través do silbato, por exemplo se alguén se mete na zona de correntes ou sae da zona balizada.

-Se na auga hai unha persoa pedindo axuda nunha situación de risco. Como debe actuar?

-No módulo de rescate aprendemos a entrar á auga e a tratar a un accidentado, concienciando da labor que se vai realizar. A formación aquí é importantísima. O socorrista non se debe achegar á persoa que está en perigo porque se o agarra e o afunde, o socorrista deixa de ser socorrista e pasa a ser accidentado. Para iso temos os flotis, os tubos laranxas que se colocan entre o socorrista e o accidentado para que este se agarre a el e sinta que está a flote. Despois comunicámonos con el, dicímoslle que está a salvo, e emprendemos o remolque, no que hai distintos tipos segundo o estado do mar. Necesítase moita formación para todo isto, de aí que non se poida habilitar a un socorrista nunha fin de semana.

-Comenta que todo aquel que foi socorrista quedou encantado. Sen embargo, ano tras ano hai escaseza de socorristas...

-Son cursos demasiado amplos para pouco tempo de traballo, porque en Galicia o verán dura dous meses. Habería que lograr que o emprego non fora tan estacional, senón de máis tempo, desenvolvendo por exemplo actividades relacionadas no inverno. Ou formar socorristas ano tras ano, dándolles posibilidades. En Lugo, por exemplo, este ano só se formaron 15 socorristas nun curso do Inem que se impartiu en Xove, e só Barreiros necesita case 30. Van faltar socorristas de novo. Cruz Vermella ía impartir un xuño que ao final se apraza ata despois do verán.

-A estacionalidade fai que moitos socorristas sexan estudantes...

-É un traballo que se adapta moi ben para a xente que está estudando porque son os meses que teñen libres. O tema de que non haxa moitos é que un currículo dun socorrista dura dous ou tres anos, xa que aínda que lles encante o ámbito non se poden dedicar profesionalmente a el. Esa é unha das grandes trabas do socorrismo en Galicia.

Cruz Vermella impartirá despois do verán o curso que acaba de aprazar

A oficina provincial de Cruz Vermella en Lugo impartirá despois do verán o curso de formación de socorristas en espazos acuáticos naturais e instalacións deportivas que tiña previsto impartir en xuño. O seminario, de 420 horas, dá acceso ao certificado de profesionalidade esixido pola Xunta para traballar. Informan no 607 346 269. Segundo indicou Javier Martínez, ademais dos módulos de natación, prevención de accidentes e rescates, no curso tamén se ensinan primeiros auxilios para que os socorristas podan, por exemplo, realizar manobras que axuden a superar unha posible asfixia a unha persoa que foi comer á praia. «Dentro da cadea de supervivencia, nós estariamos no primeiro eslavón, que é o rescate. No segundo interviriamos como axuda se por exemplo aparece un médico ou un enfermeiro de verdade», subliñou Villares, que destaca que a formación é clave para coñecer os protocolos que permiten traballar en equipo para salvar vidas.

«O mar non é unha piscina e A Mariña ten moita riqueza de praias. Hainas tranquilas, como Area, Covas ou Abrela, e potentes, con correntes, como a de Esteiro, en Xove, ou as de Barreiros»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«En todo Lugo só se formaron este ano 15 socorristas e só Barreiros precisa case 30»