Unha muller quedou atrapada no ascensor das Fontiñas

La Voz LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

LV

Acudiu a Policía Local e o técnico da empresa de mantemento

20 may 2019 . Actualizado a las 20:49 h.

Unha muller de mediana idade quedou onte pola tarde atrapada no interior do ascensor público da avenida das Fontiñas, propiedade do Concello de Lugo. A situación motivou a intervención da Policía Local e tamén do técnico da empresa de mantemento que tivo que acudir ao lugar para arranxar o problema.

O feito aconteceu pasadas as cinco da tarde. A situación chamou a atención dos viandantes e tamén dos automobilistas. O elevador quedou parado a altura do que sería o segundo piso. A usuaria actuou con total calma. «Menos mal que levaba o teléfono e chamei ao número que está marcado. Axiña me atenderon. Dixéronme que non me preocupara porque axiña me rescatarían», contou a afectada.

Con todo, a muller pasou algo máis dun cuarto de hora no interior do aparello de cristal e metal. «Aínda tivo sorte de que hoxe non facía moito sol ou calor porque, se cadra aínda tiña problemas para respirar», dixo un peón. A muller dixo que non estivo nerviosa en ningún momento xa que vía que dous axentes da Policía Local presentáronse no lugar con rapidez e non se foron ata que chegou o técnico que abriu a caixa de rexistro do aparello para arranxar a avaría.