Josito Pérez: «É unha mágoa non ser capaces de ter un proxecto máis plural»

Marta de Dios Crespo
MARTA DE DIOS LUGO / LA VOZLUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

OSCAR CELA

Procurou, sen éxito, pactar con outros partidos de esquerdas para facer unha candidatura conxunta

18 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A José Manuel Pérez Afonso (Lugo, 1979) todos o chaman Josito. Músico e mestre, preséntase como cabeza de lista de Unidas Podemos en Lugo.

-Que leva a un músico a meterse nisto?

-Non o sei nin eu [ri]. Penso que o compromiso social, son músico e cantautor e o compromiso social sempre o levei nas miñas letras, no meu arte. O vin como un paso natural despois de estar no 15M. O 15M, a verdade, fíxome cambiar a maneira de afrontar a política.

-En que sentido?

-Sempre colaborei con colectivos sociais, asociacionismo, coa música... De cada traballo doábamos o 0,7 para proxectos solidarios. Sempre tomei como unha responsabilidade estar enriba dun escenario e que a xente me fixera caso. Recordo o día no que un compañeiro, Pepe, nunha asemblea dixo ‘cánsame protestar, eu quero construír’. Fíxome recapacitar.

-Por que Unidas Podemos?

-Penso que é o sitio axeitado pola similitudes que teñen, a pesar de ser un partido, co movemento do 15M. Poñendo en valor a xente e a convivencia. Unha cousa que me gustou do 15 M e que me gusta de Podemos é que estamos xente moi diferente, penso que iso é unha riqueza. O tema hooliganista non me gusta e penso que a xente non o precisa.

-Que faltou para que houbera candidatura con Esquerda Unida?

-Non o sei. Nós intentámolo. Eu crin desde un principio que o máis responsable era facelo. De feito, cedín o meu posto, que gañei en primarias, para favorecer que houbera un bo entendemento, unha boa relación. Son xente moi válida que eu respecto moito, xente a que eu votei. Non sei.

-Que lle diría a alguén que non entendese as diferenzas entre Lugonovo e Unidas Podemos?

-É difícil de explicar. Preguntoume a familia e moita xente. O outro día, nos colexios electorais, o apoderado preguntábame: ‘Pero é En Marea? É Podemos?’. Nós hai catro anos apoiamos a Lugonovo e intentamos daquela que foran xuntos con ACE. Intentamos a unidade e tampouco fomos capaces de conseguila. Fixemos unha consulta a militancia e decidiron apoiar a Lugonovo. Dende aí intentamos traballar con eles, sumar, pero vimos certas actitudes e cuestións que non nos gustaron e decidimos afastarnos. Non pasa nada porque a xente teña máis opcións aínda que é unha mágoa non ser capaces de ter un proxecto máis plural, porque de feito Podemos é moi plural.

-Nas enquisas saen ben, colman as súas expectativas?

-Son enquisas. Estamos a facer unha campaña moi de rúa. Temos poucos medios, temos moi poucos medios, pero o que si temos é ganas. Temos claro que Podemos naceu para gobernar e sabemos que si non o facemos non somos capaces de cambiar a realidade da xente. Aspiramos a todo, aínda que temos os pés no chan e sabemos a realidade electoral. Pretendemos dotar de coherencia e responsabilidade a nosa localidade. Lugo precisa que os políticos sexamos capaces de chegar a acordos.

-É posible pactar con calquera?

-É difícil concordar con todos. Hai moito color no Concello [ri]. Pero aínda que ideoloxicamente teñamos posturas moi diferentes, en cuestións puntuais pódese chegar a un acordo con calquera. Hai xente moi próxima.

-Cal é a túa idea de cidade?

-Uf, é tan complexo... Poderíamos ter unha cidade tan grande, centrada nas persoas, na mellora da súa calidade de vida. Iso implica gastar os cartos que temos. Hai dez cousas urxentes: crear unha empresa municipal de enerxía, garantir a educación gratuíta de 0 a 3 anos, facilitar o alugueiro social, un segundo PAC, redución de gastos do Goberno local, un plan integral de coidados, actualizar o transporte, remunicipalizar servizos, acadar un horizonte verde e organizar un mercado ecolóxico na Milagrosa.

-Serían as urxencias?

-Non sei se dicirte outra, que para min é fundamental. Ninguén fala da banda municipal. Hai un cristo tremendo provocado polos nosos políticos. Si temos profesionais, teñen que cobrar como profesionais. Hai que falar coa xente e intentar arranxalo.

José Manuel Pérez Afonso

Unidas Podemos

Preséntanse por primeira vez en Lugo e pretende irromper na corporación municipal sendo chave de goberno.