«O 27 de maio, se son alcaldesa, visitarei a sede da Policía Local»

Iso si, antes Olga Louzao asegura que, coma todos os días, levará ao seu fillo Darío ao colexio


LUGO / LA VOZ

Olga Louzao (Lugo, 1979) preséntase como cabeza de lista de Ciudadanos. Posa na Muralla, á altura da porta de San Fernando, porque quere que saia a Avenida da Coruña. A súa formación quere facela unidireccional.

-En que barrio vive?

-Vivo na zona da Fonte dos Ranchos, moi preto de onde nacín, no barrio da Residencia, e onde aínda seguen vivindo os meus pais.

-Como vai ao traballo? Camiñando, coche, bicicleta...?

-Camiñando case todos os días. Só vou en coche se o preciso para ir a algún lado.

-Cando foi a última vez que utilizou o bus urbano? Para ir a onde?

-O luns 13, ao comezo da campaña electoral. Ese día fixemos unha demostración práctica de como está a mobilidade en Lugo. Saímos cinco persoas en distintos medios de transporte (andando, en bici, en moto, en coche e en autobús) desde Garabolos até a Praza Maior e o última en chegar fun eu, que ía no bus.

-Se ten que facer deporte, que sitio escolle?

-O paseo do Miño e tamén a parroquia do Burgo, onde o meu home ten unha explotación de vacas de carne. Vou co meu fillo a andar na bici e a pasear polas pistas da parroquia.

-Vai a tomarse un viño ou unhas cañas, centro ou Milagrosa?

-Son máis de vir á rúa dos viños na Praza do Campo. Pero en Lugo calquera barrio é bo para iso, o mesmo A Milagrosa que Augas Férreas que calquera outra zona.

-E xa que estamos, viño ou caña?

-Viño ou caña, indistintamente, pero sempre con moderación.

-É socia do Breogán? Cando foi a última vez que baixou ao Ángel Carro?

-Son socia do Breogán e vou ao Pazo co meu home, Javi, e o meu fillo, Darío, a ver os partidos. Tamén vou ao Lugo. A última vez, o último domingo que xogamos na casa, ao partido Lugo-Almería.

-Diga outro candidato que se presente por Lugo ao que invitaría a un café

-A Lara Méndez, non teño nada persoal contra ela, pero a xestión que fixo nestes catro anos foi nefasta para a cidade.

-Onde fai a compra?

-No Gadis e as fins de semana na Praza de Abastos. Cando vivía cos meus pais mercaba na tenda do barrio, a de Antonio e Angelita, na rúa Nazario Abel, e tamén no pequeno super que había xusto debaixo da nosa casa, o de Manolo e Josefa.

-Cando foi a última vez que foi ao cine? A ver qué?

-Antes de que empezara a campaña electoral, co meu fillo Darío, a ver a última de Lego.

-Que libro volvería a ler?

-Los Pilares de la Tierra de Ken Follett, unha historia medieval sobre a construción dunha catedral. Lugo ten que aproveitar a súa historia.

-Arde Lucus ou San Froilán?

-As dúas son importantes para a cidade pero quédome co San Froilán, as festas de toda a vida. De nova gustábanme moito e agora tamén, en familia co meu fillo.

-Que será o primeiro que fará o luns 27 de maio?

-Independente do resultado, levar a Darío ao cole, coma todos os días. E, se son alcaldesa, despois visitar a sede da Policía Local. É un servizo básico nunha cidade e ten que funcionar.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«O 27 de maio, se son alcaldesa, visitarei a sede da Policía Local»