«Agora bailo pouco, que me canso!»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

OSCAR CELA

José, aos seus 84 anos, é un dos ramistas das festas do barrio lucense da Piringalla

15 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O seu DNI indica que ten 84 anos, pero as ganas e a ilusión que lle pon á vida réstanlle varias décadas. José Torres Sánchez é un lucense que pouco despois de cumprir os setenta, e «por botar unha man», decidiu enrolarse na comisión de festas do barrio da Piringalla. Hoxe, unha ducia de anos máis tarde, é o responsable do libro de anuncios, o primeiro que comeza a traballar cada tempada para conseguir financiar as festas, e o que máis cartos xunta. Un ramista serio dos pés á cabeza que, recoñece entre risas, quizais é máis festeiro cós netos. «A xuventude hoxe só vai ás discotecas», resígnase.

«Bailei moito de novo, pero agora bailo pouco, que me canso!», conta José Torres cando se lle pregunta pola súa alma festeira. As romarías e o baile sempre lle tiraron, aínda que nunca se lle pasara pola cabeza poñerse do outro lado, do da organización. «Cando viñemos para a Avenida da Coruña, Ricardo [o presidente da comisión] díxonos se queriamos axudarlle, empezamos e aquí estamos», resume o veterano da comisión sobre os seus primeiros pasos no mundo da organización de festexos.

Cando chega o mes de xaneiro, Torres xa se pon mans á obra. Uns días a pé e outros en coche, comeza a percorrer todos os negocios que se anunciaban no libro das festas do ano anterior. «Vou onda os que teñen anuncio no libro e nunca lles digo se seguen, dígolles se o poñemos igual ou se cambian algunha cousa, porque se lles preguntas se continúan, igual se borran», desvela con picardía. Ao longo de varias semanas, vai cubrindo todas as rúas. «Onda algúns negocios tes que ir tres ou catro veces porque non están ou cambian algunha cousa», relata, pero non pon pega. Limítase a rirse cando se lle pregunta cantas horas pode dedicarlle á súa tarefa de ramista: «Moitas! Menos mal que non as cobro!».

Torres é un home sociable. Durante anos exerceu como camioneiro e máis tarde tivo en Lugo un negocio de cámaras de frío no que vendía dende polos a queixos, ovos ou embutidos. «Sempre estiven rodeado de xente», lembra. De aí que agora goce co seu traballo na comisión. «A min isto gústame, coñeces moita xente. Vas pedir para o anuncio, falas con eles, uns póñencho por amizade, outros porque o ven necesario e queren botar unha man.... Eu empecei nisto con 70 anos por axudar, se non me gustara, non seguiría», explica.

A labor que desempeña o ramista Torres é fundamental. Anuncio a anuncio, xunta ata 8.000 euros. «É dos máis currantes. Nós comezamos a traballar para a festa en marzo, pero el en xaneiro xa está movéndose e reúne moitos cartos. Este ano vai recibir o Bastón de ouro das festas da Piringalla, que ben merecido o ten», apunta Ricardo Varela, presidente da comisión.

Aínda que a Torres o que lle gustan son as orquestras que fan «música para bailar», na parte artística non se mete. «Eu non opino, pero si digo que as que nós traemos son bastante boas todas».

Na casa, José non escoita pega algunha á súa colaboración coa comisión. De feito, a súa filla e o xenro tamén forman parte dela. Ademais, el teno claro, «a min isto faime ilusión. O día que non me guste, deixareino». Pero polo de agora ese momento non chegou e Torres prepárase para cinco días de festas dos que sentirse orgulloso. «Como non vou estalo? E canta máis xente sexamos, máis contentos estaremos todos!». Palabra de ramista.

Cinco días de celebracións na honra de San Isidro

O barrio da Piringalla comeza hoxe cinco días de festexos cos que honrarán a San Isidro. A Asociación de veciños da Piringalla, que exerce como comisión de festas, traballou arreo para reunir un orzamento de máis de 35.000 euros que supón superar a recadación do ano pasado. «É mérito dos veciños, cada ano pórtanse mellor», conta Ricardo Varela, presidente da comisión. Como anécdota, desvela que mesmo un neno acudiu á súa hucha para aportar 50 céntimos para as celebracións. A aportación máis elevada que recibiron foi de 110 euros.

Por segundo ano, a comisión entregará os Bastóns de ouro, galardóns cos que pretende recoñecer a labor feita por algúns lucenses. José Torres será un dos premiados xunto a Quique Fernández, de Protección Civil e a Vanesa Vázquez, enfermeira que o ano pasado, na festa do San Xoán, salvou a vida a un veciño que sufriu un atragantamento.

A programación das festas comeza hoxe ás 12.30 coa misa solemne na igrexa da Milagrosa. A banda de gaitas Devandoira encargarase de acompañar a procesión e de facer tamén o pasarrúas a partir das 19.30 horas. O xornalista Pepe Seijo lerá ás 20.30 horas o pregón e a continuación entregaranse os Bastóns de ouro. Haberá unha solta de globos en símbolo de paz e unha degustación de empanada. A orquestra Combo Dominicano encargarase de amenizar a verbena.

Mañá xoves, dende as 17.30 estarán abertos os carruseis e a orquestra Marbella amenizará a verbena. O venres haberá ás 10.15 horas unha carreira solidaria organizada polo colexio Cervantes, actuará a mediodía Devandoira, e á noite a orquestra Gran Parada será a protagonista.

O sábado será a Xuntanza Moteira de Motoclub Ciudad Norte. Pola noite, Miramar amenizará a verbena. O domingo será o día do neno. Actuará Devandoira pola tarde e haberá unha chocolatada.