«Co que teño máis confianza dos candidatos é Ramón Carballo»

Marta de Dios Crespo
marta de dios LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

OSCAR CELA

Xosé Chorén convidaría a café a calquera dos seus rivais, aínda que ten debilidade persoal polo líder do PP

14 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Chorén (Taboada, 1967) preséntase como cabeza de lista de Lugonovo nas eleccións municipais do vindeiro 26 de maio. Posa diante do Catro Rúas, no corazón do barrio da Milagrosa, onde pasa boa parte da xornada cando non está traballando.

-En que barrio vive?

-Vivo na Milagrosa dende hai 21 anos.

-Cómo vai ao traballo? Andando, coche, bicicleta...?

-Andando case sempre, tardo uns 15 minutos. Hoxe collín o coche porque tiven que ir pola mañá a unha emisora de radio e quedaba lonxe.

-Cando foi a última vez que utilizou o bus urbano? Para ir a onde?

-Hai uns días porque chovía. Para ir dende a Ronda, diante do Arenal, ata a Milagrosa.

-Se ten que facer deporte, que sitio escolle?

-Para andar en bici fago a ruta ata Castroverde, vou por Gomeán, Maceda e Nadela. Cando camiño, vou pola Muralla porque me acompaña un curmán, damos varias voltas mentres falamos.

-Vai a tomar un viño ou unha caña, centro ou Milagrosa? E xa que estamos, viño ou caña?

-Comparto os dous espazos porque vivo na Milagrosa e traballo no centro e os dous barrios forman parte do meu hábitat na vida social.

-E vino ou caña?

-Segundo a ocasión, aínda que son más de caña.

-É socio do Breo?

-Si, teño dous abonos. Gústame o baloncesto porque a miña filla foi xogadora no Estudiantes e no Ensino. Son o seu compañeiro habitual e é moi pedagóxica comigo, explicándome aspectos do xogo.

-Cando foi a última vez que baixou ao Ángel Carro?

-Hai tempo, maila que son accionista. Teño 77 accións e sigo os resultados, sei o que está a sufrir esta temporada.

-Diga outro candidato que se presente por Lugo ao que convidaría a un café.

-Convido a calquera porque prima a veciñanza e penso que son bo veciño. Co que teño máis confianza e proximidade persoal é Ramón Carballo [PP].

-Onde fai a compra?

-Normalmente nos tres supermercados que teño ao redor da casa. Aínda que estou abonado á froitería que fai esquina entre Curros Enríquez e a Avenida da Coruña.

-Cando foi a última vez que foi ao cine? A ver que?

-Buf, non me lembro. Sei que foi hai tempo... e que fun As Termas [a posteriori, a súa muller lembraríalle que foron ver Perfectos Descoñecidos].

-Que libro volvería a ler?

-Denso recendo a salgado, de Manolo Portas, porque é unha auténtica preciosidade.

-Arde Lucus ou San Froilán?

-Son máis do San Froilán, aínda que na casa estamos moi equilibrados. Penso que os maiores somos máis do San Froilán e os novos de Arde Lucus.

-Que será o primeiro que fará o luns 27 de maio?

-Recuperar folgos [suspira] e incorporarme ás oito da mañá a traballar en Correos, que supoño que terei un montón de cousas atrasadas.