O Salón Internacional do Cabalo chega a Lugo este venres

LUGO CIUDAD

Equigal celebrarase no Pazo de Feiras e Congresos os días 17, 18, 19, 24, 25 e 26

14 may 2019 . Actualizado a las 09:14 h.

Do 17 ao 19 e do 24 ao 26 • Pazo de Feiras e Congresos de Lugo • 

Lugo celebra unha nova edición de Equigal, o Salón Internacional do Cabalo, entre os días 17 e 19 e os días 24 e 26, no Pazo de Feiras e Congresos. Como todos os anos, celebrarase a Exhibición de Salto de Obstáculos Cidade de Lugo e o Concurso Internacional de Cabalos e Eguas de Pura Raza Española puntuable para o campionato do mundo. Como novidade, nesta edición terán lugar os Xogos Ecuestres Federados, que son unha competición a nivel federativo de distintas disciplinas hípicas: andadura, enganches, horseball, doma clásica... e o I Concurso Nacional de Cabalos de Pura Raza Árabe, puntuable para o Campionato de España. Tamén se celebrarán exhibicións infantís de doma e sincronización nun espectáculo musical.

Exposición, venda, ocio infantil

Ademais das probas ecuestres, o Equigal contará cunha zona expositiva e de venda, conformada polas ganderías participantes nos concursos morfolóxicos. Tamén se habilitará unha zona de ocio infantil, un espazo que ofertará diversas actividades, todas elas ao redor do mundo do cabalo, enfocadas aos máis pequenos e supervisadas por monitores, con inchables e paseos ecuestres. A maiores, os visitantes disporán dunha zona de cafetería, cun servizo ininterrompido, ademais dun servizo de comedor.

O programa completo foi presentado onte na Praza de San Marcos e pode consultarse na web www.pfclugo.com/event/equigal-2019/.