«Sempre fun unha persoa cunha fonda responsabilidade social»

O ex atleta Manuel Hurtado defínese «socialdemócrata» e pensa que hai unha falla de liderado na política municipal


LUGO / LA VOZ

Compromiso por Galicia conta en Lugo, para estas eleccións municipais, con Manuel Hurtado como cabeza de lista. O atleta deu o salto á política hai ano e medio e aspira a irromper na corporación o próximo domingo, 26 de maio.

-Por que quedamos aquí?

-Esta é a miña casa, unha das zonas de Lugo onde máis horas pasei. Aquí tamén empecei a facer carreiras de pista. Na primeira quedei último e decidín que non ía a ser máis último; na seguinte desfondei, cheguei case andando, pero conseguín chegar diante dun rapaz. Para min foi todo un logro e sentín que quería ser atleta, tiña 12 anos daquela.

-Agora comeza outra carreira.

-Si. Metido nesta carreira electoral, non sei se conseguirei quedar o penúltimo ou gañala. Dende logo eu saio a ganar as eleccións do 26 de maio e pretendo que esta campaña quede na lembranza dos lucenses e que o que poidamos aportar dende Compromiso por Galicia poida ter percorrido nos próximos anos.

-Por que deu o salto a política?

-Sempre fun unha persoa cunha fonda responsabilidade social. Coñéceseme por atleta porque levo vinte e pico anos correndo, pero o longo da miña traxectoria formativa, estudei periodismo, sempre fun unha persoa con moitas inquedanzas. Sempre estiven moi comprometido coas diferentes causas sociais e culturais. Cando xurdiu este proxecto non o puiden rexeitar, considero que Lugo leva moitos anos desaproveitando oportunidades de desenvolvemento.

-Tómalo como un sprint ou como unha carreira de fondo?

-O que teñen os sprints é que acaban pronto. Son carreiras de moita enerxía, pero que duran moi poucos segundos. Non sei o que durarei na política, pero teño claro que o proxecto que estamos presentando pode ter percorrido e converter Lugo nunha cidade referente en Galicia, España e Europa.

-Quen sería a túa lebre política?

-Todo o mundo ten referentes. Eu no eido da política municipal teño pouca experiencia. O que vexo na cidade é que falta precisamente un referente, unha persoa que lidere o proxecto de Lugo. Estamos no pelotón de cola das cidades españolas e quero levar a Lugo o furgón dianteiro.

-Por que CxG?

-Porque é un partido galeguista. A maioría de partidos cos que compartimos espectro político están moi centrados en Madrid e só falan dos problemas dos galegos cando lles interesa. Son unha persoa que me definín socialdemócrata toda a vida, creo na xustiza social, na diminución das desigualdades para o progreso da sociedade e vai na liña do partido.

-Cal é a túa idea de cidade?

-Penso que temos que ser unha cidade moito máis dinámica e acadar con urxencia tres obxectivos: a captación de inversión, potenciar moito máis o turismo e a elaboración dun calendario desestacionalizado de eventos que dean vida a cidade e oportunidades aos veciños.

-Que expectativas ten de cara o próximo 26 de maio?

-O meu obxectivo é facer chegar o noso proxecto de cidade a maior número de cidadáns de Lugo posible, conseguir a súa confianza e intentar ser partido chave no próximo goberno local.

-Con quen estarías disposto a pactar e con quen non?

-Gustaríame reunirme coas diferentes persoas e falar cara a cara do proxecto de cidade para ver quen realmente nos acompaña nas nosas ideas.

-Quen cree que gañará?

-O panorama está moi aberto, hai 12 candidaturas e loxicamente hai partidos que teñen asegurado o seu cupo de votantes porque levan toda a vida, pero nós aspiramos a entrar no goberno e, se podemos, gobernar.

-Cal sería a túa primeira medida como alcalde?

-A aprobación dunha relación de postos de traballadores do Concello actualizada ás necesidades da cidade, que de resposta aos problemas que teñen os veciños e que reactive unha cidade que leva paralizada non só estes últimos anos de Lara Méndez, se non tempos do antigo rexedor López Orozco. 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Sempre fun unha persoa cunha fonda responsabilidade social»