«No meu traballo non se cambia a voz, senón a forma de usala»

Miguel Cabana
miguel cabana LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Carlos Castro

A logopeda Noelia Geada ten na consulta profesionais que falan en público e nenos con problemas

08 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Noelia X. Geada Folgueira (Fonmiñá, 1988) é unha emprendedora, graduada en Logopedia, que acaba de abrir consulta na rúa Bolaño Ribadeneira de Lugo.

-Qué é un logopeda e que atencións fai?

-Gústame que me fagas esa pregunta, porque a logopedia foi durante bastante tempo unha profesión descoñecida. Custou chegar a onde estamos, e aínda queda traballo por facer para que se coñeza máis. O/a logopeda é un profesional sanitario que se ocupa da prevención, detección, avaliación, diagnóstico e intervención das patoloxías e alteracións da fala, da linguaxe, da voz, da audición e da deglutición.

-Entón non é un médico foniatra?

-Non, a foniatría é unha especialidade médica. Encárgase máis da valoración e diagnóstico, e nós estamos máis inmersos/as na rehabilitación. Aínda que ambos os profesionais temos coñecementos tanto de diagnóstico como de rehabilitación, e na práctica penso que tocamos todas as áreas de atención. Debemos traballar da man.

-Cales son os pacientes máis habituais nun sitio como Lugo?

-Eu acabo de empezar, pero os pacientes máis habituais adoitan ser nenos, por problemas de linguaxe e comunicación. A miña especialidade é a voz; dedícome máis á voz profesional, e por iso traballo máis con poboación adulta, aínda que o máis común é o sector infantil, onde se demanda máis a logopedia.

-Cal é o traballo coa voz?

-Depende do paciente. Por un lado, están as persoas que son profesionais da voz e que unicamente queren previr a aparición de lesións nas cordas vocais e mellorar a súa técnica vocal, co cal o traballo limítase a adquirir hábitos de coidado e adestrar técnica vocal. Por outro lado, están as persoas que teñen xa unha lesión e teñen que rehabilitar, sexan profesionais da voz ou non. Entón xa lle chamamos terapia, e xa é máis longa e dá máis traballo, con máis variedade de exercicios de rehabilitación, sobre todo despois dunha cirurxía. A maioría adoitan ser profesionais da voz (todo aquel que usa a voz como ferramenta de traballo), como, por exemplo, profesores, comerciais, teleoperadores, actores, actrices, cantantes ou locutores, e un longo etcétera. Dentro dos profesionais da voz hainos de voz cantada e de voz falada. A voz cantada é moito máis esixente e depende tamén do estilo musical, co cal a terapia ten que ser moito máis específica.

-Que casos son os que pasan por cirurxía e que vos necesitan?

-Son varias as lesións que precisan cirurxía: por exemplo os quistes, edemas, algúns pólipos... Non adoitan ser cirurxías complicadas, pero córrese o risco de que cambie a voz da persoa. Aínda que en Lugo temos bos profesionais da otorrinolaringoloxía que fan moi ben o seu traballo.

-Un logopeda pode cambiar moito a voz dun paciente?

-Non se trata de cambiar a voz, senón a maneira de usala. Trátase de mudar hábitos inadecuados por comportamentos vocais que non supoñan esforzo para as nosas cordas vocais e para a larinxe en xeral, de tal forma que se evitan riscos de sufrir lesións.

-Tamén lle ensinades á xente a comunicar mellor.

-A verdade é que é unha área que se toca menos en logopedia durante os estudos e que na práctica pouco se traballa, porque o que á consulta o que chegan son problemas coa técnica vocal. Sempre se traballa de forma indirecta, porque cando ensinas técnica vocal á vez ensinas a comunicar. E ao fin e ao cabo os/as logopedas tratamos dificultades da comunicación. Non obstante, non se ensina tanto a transmitir, digamos, o que sería oratoria. Sen dúbida é un aspecto que a min me parece interesante e que ten moita cabida na nosa práctica profesional. Refírome neste caso ao traballo coa voz. Si se toca ese aspecto por exemplo en casos de disfemia (tartamudez) ou en trastornos como o autismo, onde se fai fincapé nas habilidades comunicativas.

-Cal é a especialidade que máis lle gusta?

-A miña especialidade é a da voz. Fixen un posgrao de patoloxías da voz na Fundación Instituto Ciencias do Home, en Madrid, mediante un convenio que teñen coa Universidade de Alcalá. E agora estou facendo o segundo posgrao en rehabilitación e perfeccionamento da voz profesional falada e cantada. E ademais hai outras areas que me gustan moito, como a neuroloxía. E, de feito, tamén son integradora social e teño experiencia como tal en campos como o autismo, a parálise cerebral ou a síndrome de Down.

-E tamén canta. Non son abundantes os logopedas que tamén son cantantes.

-Si. Canto desde que era nena, a nivel afeccionado. Desde os 16 empecei a formarme máis en serio e levo dedicándome á música dende entón. Agora estou no coro Solo Voces, nas cordas de contralto e mezzosoprano; e tamén hai tempo que formei o meu propio dúo cun compañeiro que toca a guitarra, Una mesa para dos, que é un dúo de versións co cal imos empezar a dar concertos proximamente. Tamén acabo de entrar a formar parte como corista de La Penúltima-Tributo a Sabina, e estou moi contenta porque levar os coros dunha banda é moi diferente de ser unha voz solista, e ademais dáche moitas táboas. Tamén teño o privilexio de estar montando un repertorio con cancións de composición propia co pianista David Taboada. De momento, estamos inmersos no proceso de composición e non hai nada publicado, pero a idea é gravar disco e facer concertos.

-E como foi a experiencia de emprender un negocio como autónoma?

-Moito máis complicada do que pensaba. Inicialmente pensaba contar cos viveiros de empresa da cidade de Lugo. Cando me fun informar, había espazos libres, pero cando chegou o momento estaban todos ocupados e tiven que asumir os custos dun local. Esa foi a primeira dificultade.

-E as outras?

-Pois logo tiven que mirar baixos, pero son moi caros para alguén que empeza de cero. Así que busquei a opción de montalo dentro dun piso no que non houbera que facer reforma de ningún tipo. Pero entón no Concello obrigáronme a facelo dentro de murallas ou na rolda da Muralla, porque no resto da cidade os negocios unicamente poden estar nos baixos, porque agora nin nas entreplantas che permiten este tipo de negocio.

-E como foi a experiencia?

-Pois é cara para alguén que empeza, porque todo son impedimentos. Por exemplo, para compensar os gastos pedín axuda ao alugamento para a miña vivenda e denegáronma porque, segundo os seus criterios, non teño ingresos suficientes, cando o lóxico sería darlle a axuda a quen ten poucos ingresos. Tiven dificultades ata para cobrar o paro capitalizado, para o que tiven que presentar unha reclamación.

-Ou sexa, que a cantilena de que todo son axudas para emprendedores non é moi certa

-Non. Tamén pedín a axuda para emprendedores en xaneiro, e aínda non sei nada. Así que se montas un negocio tes que dispoñer de diñeiro ti para arrancar. Porque as axudas para emprendedores, ás veces, non se dan, e cando se dan chegan moi tarde e non axudan a arrancar como tal. Tes que arrancar ti primeiro e tes que dispoñer de diñeiro.

«A logopedia foi unha profesión descoñecida bastante tempo»