Unha exposición sobre as portas da Muralla pon en valor este patrimonio lucense

A mostra «As portas de Lugo», de Paco Ascón, estará aberta no MIHL ata o 17 de xullo


Lugo / La Voz

A mirada e o traballo dun artista é unha das formas máis efectivas de poñer en valor o patrimonio. Ese é un dos obxectivos que persegue a mostra As portas de Lugo, do artista Paco Ascón (Barcelona, 1945) -pero residente en Galicia desde os 18 anos-, que se pode visitar no MIHL ata o 17 de xullo. A exposición, composta por 23 pinturas sobre lenzo, presenta un monográfico sobre a Muralla e as súas portas. Ascón ofrece unha mirada realista e respectuosa sobre esta parte esencial do patrimonio de Lugo.

A exposición é froito de máis de dous anos de traballo, cun complexo e minucioso estudo previo das portas da Muralla. Nela pódense contemplar as dez portas da Muralla desde o interior e desde o exterior, e mesmo reproduce unha imaxe da antiga Porta da Estación. Tamén inclúe o artista unha vista da Muralla, outra da Catedral e outra da Praza do Campo. «Con este monográfico que presento neste fermoso lugar, e o traballo de máis de dous anos, só pretendo mostrar a todos, especialmente á cidadanía de Lugo, a beleza desta xoia da arquitectura romana», afirmou Paco Ascón.

O Concello de Lugo dedicou a esta mostra un práctico catálogo cun gran compoñente divulgativo. A exposición pode visitarse no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) ata o 17 de xullo, de forma gratuíta. Está aberto de martes a venres de 10.00 a 13.30 e de 16.00 a 19.30 horas, e sábados, domingos e festivos de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 19.30 horas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Unha exposición sobre as portas da Muralla pon en valor este patrimonio lucense