Preocupación


As imaxes que recibimos do estado actual do primeiro templo de París, a catedral de Notre Dame, que se salvou dos desastres das guerras máis salvaxes e do paso dos séculos, evidencian que calquera elemento físico que nos rodea pode ser afectado por unha catástrofe.

Que se nos diga que o incendio se estendeu rapidísimamente porque o tellado estaba soportado por madeiras de centos de anos de antigüidade, non fai máis que agudizar a preocupación polos innumerables monumentos existentes arredor de nós, moitos sen vixianza; ducias de igrexas dos séculos XII, XIII, XIV… espalladas polo noso rural, que a medida que queda sen habitantes tamén quedan desatendidas, expostas a calquera circunstancia adversa.

No incendio de Notre Dame quedou de manifesto que se puxo en marcha un rigoroso protocolo de actuación que permitiu salvar reliquias esenciais, polo que agardamos que nos nosos primeiros monumentos existan tamén protocolos polo estilo, ou se poñan en marcha aprendendo do acontecido en Francia, para nun caso extremo salvar o máis posible do noso valioso tesouro colectivo.

As reformas que se teñan feito nos nosos monumentos, por exemplo na Catedral de Santiago de Compostela, reducen o perigo de incendio, ao ter substituído elementos vulnerables por outros máis resistentes, pero aínda así esta catástrofe ten que facernos pensar e planificar para que, diante de calquera accidente, se saiba o que hai que facer, como facelo, e contar co equipo humano preciso.

Arrepiados polo acontecido en Notre Dame, aprendamos da desgraza, nós, tan ricos en monumentalidade; estamos obrigados a preocuparnos por conservar esa riqueza para os que veñan despois de nós.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Preocupación