«O teatro é unha escola de vida»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

LORENA GARCIA

Anade celebrará o día 25 a súa novena gala, que premiará ao actor Javier Gutiérrez

19 abr 2019 . Actualizado a las 21:56 h.

O vindeiro xoves 25 a Fundación Anade celebrará en Os Robles, a partir das 20 horas, a súa novena gala, na que fará entrega dos premios á inclusión social. Desta volta, o actor galego Javier Gutiérrez, un dos protagonistas de Campeones, e a Federación madrileña de deportistas con discapacidad, serán os galardoados. Ángeles Fernández é a representante da fundación en Galicia e a alma mater do colectivo en Lugo, que ten o reto da integración a través das artes escénicas.

 -Que é Anade?

-É unha entidade de longa traxectoria dedicada á inclusión de persoas con discapacidade intelectual ou enfermidade mental para a integración social e laboral. Esa integración foi rompedora e distinta e segue a ser innovadora porque é a través das artes escénicas e a cultura. Por que o teatro é o buque insignia? Porque o teatro é unha escola de vida. É un espazo de liberdade no que estes rapaces son especialmente bos, séntense libres, pódense expresar e dentro dese espazo van a aprender.

-Anade implantouse en Lugo hai xa quince anos, pero como chegou ata aquí?

-Pois pola miña insistencia. Eu teño unha filla que ten unha discapacidade e moitísimas capacidades. É unha artista, como os que están aquí, é unha actriz estupenda, canta de marabilla, ten vea artística, discursea, fala en distintas linguas. Ela fixo o seu bacharelato con adaptación curricular, quería ser artista, pero non había escolas con adaptación curricular para ser actriz, no conservatorio sucedía o mesmo, entón escoitei a José Colmenero (fundador de Anade) falar da fundación e pensei: esta é a miña. É un proxecto no que participaron actores profesionais, pedagogos, psicólogos, mestres… É un proxecto moi ben cimentado e con grandes resultados. Temos un certame internacional de cine de enorme prestixio, outro de artes plásticas, un literario no que hai premiados da provincia... Cando montamos isto en Lugo fíxose un cásting ao que concorreron cantos quixeron, e estamos abertos a novas incorporacións.

-O seu grupo de teatro chamábase O Pinchacarneiro, e agora acaban de poñer en marcha unha asociación que se chama Os Pinchacarneiros. Pero seguen dentro de Anade, non?

-Si, puxémola en marcha baixo o paraugas da Fundación e permítenos ademais concorrer a programas e axudas.

-Cre que a película Campeones lle deu máis visibilidade ás persoas con distintas capacidades?

-Campeones foi fabuloso. Puxo o foco. Facía falla unha cinta así. Non obstante, o traballo da Fundación Anade e de Pinchacarneiro acadou moita visibilidade. Nós fixemos cine con Óliver Laxe, fixemos teatro con Tricicle, participamos nun capítulo de Hospital Central, estivemos con Clive Owen en Telecinco. Sendo moi pequeniños, fixemos cousas moi grandes. Tamén tivemos colaboracións moi grandes, como de Pepe Viyuela, o respaldo de moita xente do cine, como Paola Dominguín, que é patroa da fundación, ou José Coronado.

 -Como é unha semana de traballo do grupo?

-Ensaian luns, mércores e venres dúas horas no centro de convivencia de Fingoi, temos o privilexio de ensaiar nun teatro. E despois traballan as distintas disciplinas. Agora estamos a preparar tres montaxes, Noite de esmorga, O pillo do Miño, adaptación nosa, e o Arde Lucus. Aparte de facer ensaio de textos, facemos quecemento traballando ioga, taichí, danza, baile, coreografías variadas, quecemos o corpo e despois de todo iso empeza o ensaio. Primeiro hai explicación de texto, léese entre todos, facemos vocalización, respiración e proxección de voz, distintas técnicas, creamos escenografías. A montaxe dunha obra é un proceso complexo, pero marabilloso. Eles tamén aportan e sobre todo, transmiten dende as emocións. A nosa directora é Antonella Sutherland, que é unha crack, e eu axudo e participo.