As montañas

Vanessa Fernández

LUGO CIUDAD

10 abr 2019 . Actualizado a las 20:01 h.

Agora que os políticos sospeitosamente se preocupan polas nosas vilas e aldeas, parece bo momento para voltar a ollada as montañas que nos abranguen e reivindicar tamén para os seus habitantes un futuro digno. Porque se algo distingue ao medio rural é a súa heteroxenidade; mentres que nos discursos estes días falan del coma se fose un todo uniforme que non precisa de solucións diferenciadas, tan só dun plan homoxenizador deseñado, como non!, dende as cidades; o conto de sempre. E así pasaron os anos e foron morrendo os lumes. Por sorte, os veciños do rural, os que aínda teñen casa con lume e dereito aos bens comunais, xa están curados da vella demagoxia e da nova mercadotecnia.

No caso da montaña luguesa a situación está a chegar a un punto crítico: con 1757 quilómetros cadrados, este territorio exténdese desde A Fonsagrada ata o Courel, nel viven 12.708 persoas repartidas en 822 vilas e aldeas e cunha densidade media de poboación de 7,2 hab/km2 (por debaixo de 10 considérase o territorio deserto demográfico); cifras que nos sitúan á altura da denominada Laponia española ou Serranía Celtibérica, pero que nalgúns concellos coma Cervantes, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz ou Folgoso do Courel son incluso máis alarmantes xa que apenas chegan ós 5 hab/km2. Estas cifras agrávanse aquí pola complexa orografía das montañas e as duras condicións climatolóxicas, deixando así á marxe a un número moi significativo de persoas: as que viven na ourela, nos lugares periféricos, as que xestionan de forma sostible os nosos montes.

Urxen inversións directas que busquen a rentabilidade social e a compensación dos servizos medioambientais que prestan estes territorios; uns presupostos concretos e ambiciosos cos que manter ou erixir as estruturas físicas e sociais necesarias para garantir o futuro destes territorios e dos seus habitantes. Polo ben de todos.