Lugo: «Foi moi especial traballar dentro do proxecto do Pórtico da Gloria»
A restauradora cre que en Galicia se avanzou na valorización do patrimonio
Lugo / La Voz
A Uxía Aguiar (Cospeito, 1982) a paixón pola arte e a historia levouna a cursar estudos de Belas Artes en Compostela. Pero foi durante unha estancia de Erasmus en Roma onde se decatou de que o que realmente a atraía era a técnica, ver como estaban feitas e proxectadas as obras. Máis que a propia estética. Así que rematou os estudos e marchou a Asturias a cursar Restauración. Hoxe é a alma de Parteluz, unha empresa de restauración lucense que traballa tanto con grandes organismos coma con particulares e que xa ten no seu currículo proxectos como a restauración do Pórtico da Gloria.
-Que é Parteluz?
-Parteluz é unha empresa de conservación e restauración de bens culturais que ten dúas vertentes. Por un lado desenrolamos proxectos vinculados a bens patrimoniais, como por exemplo edificacións con valor histórico-artístico, fachadas, pinturas murais, pinturas vinculadas á arquitectura, retablos de gran tamaño ou xacementos arqueolóxicos que esixen saír do estudo para restaurar. E por outro lado facemos restauración de bens mobles, transportables, que xeralmente se fan no taller. Aquí restauramos pintura de cabalete, escultura policromada, retablos máis pequenos que necesitan unha desmontaxe….
-Cal é o proxecto no que máis ilusión lle fixo traballar?
-Cada un ten o seu atractivo, enseguida te namoras de todos. Foi moi especial cando traballei dentro do proxecto do Pórtico da Gloria. Era moi interesante porque había moitas empresas de índole científica e de restauración. Parteluz fixo os preparativos para que despois chegaran os do Instituto de patrimonio español para facer a reparación das esculturas. E dentro dese proceso, eu fixen un asesoramento cunhas formulacións de morteiro. Foi moi interesante porque era primeiro nivel, había moito presuposto para facer probas. A parte científica da restauración é importantísima, pero como quizais non é a máis lucida, queda un pouco de lado e normalmente non hai tantos recursos para analizar mostras.
-Cal é o traballo que lembra con máis agarimo en Lugo?
-A catedral. As pinturas que están na catedral son barrocas pero estaban moi ocultas porque antigamente a iluminación era a través de velas, cirios e había incensos. Eses fumes subían para arriba, nas bóvedas había filtracións de auga, e ese estrato húmido coas resinas crearon unha película moi negra e non se vía nada. Montouse a andamiaxe, eramos trece restauradores e estabamos aplicando o tratamento de limpeza formulado. Cando empezabas a retirar aparecían figuras, de repente, ¡Un San Froilán! Era emocionante.
-Agora, en exterior, o seu gran proxecto está en Sobrado.
-Traballamos para unha empresa contratista encargada de restaurar integramente todo o edificio, e nós temos a parte de restauración da pedra, todas as fachadas. Son moitos metros. Comezamos pola fachada principal en decembro, pasando frío e mollándonos. É un traballo moi duro e ás veces ata épico, porque loitas coas inclemencias do tempo, ou traballas no interior en templos moi fríos e húmidos. É unha profesión que non está valorada.
-Cre que hai máis conciencia na sociedade do valor patrimonial?
-Si, e a iso axudaron moito tanto a lei de patrimonio cultural do ano 85 como a nova do 2016 porque non se pode tocar nada sen solicitar unha petición. Se se trata de arte sacro, á diocese correspondente e tamén á Xunta, e se non, á Xunta só. Iso calou un montón en todas as capas, en calquera parroquia os veciños lémbranche os permisos. Casos como o do Ecce Homo de Borja en Galicia xa non pasa tanto, non hai tantos repintadores.
-Pero algún segue a haber?
-Todos os santos están repintados. O típico en Galicia no rural era que chegaba a festa e limpaban a igrexa e adecentaban os santos ou o que fora, todos están repintados. Pero ultimamente chaman aos restauradores. Hai máis conciencia.
Comentarios