Corenta anos da ferretería «das mulleres»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

óscar cela

Pepita Díaz comezou a finais dos setenta a despachar como ferreteira nun mundo daquelas reservado aos homes

28 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«¡Chamábannos a ferretería das mulleres porque daquelas en Lugo non había ningunha outra na que despacharan mulleres!». A que fala, vitalista, orgullosa, e por momentos emocionada, é Pepita Díaz, unha desas traballadoras natas que nos tempos nos que a igualdade de xénero era unha idea peregrina, xa a poñía en práctica. Pepita foi das que rachou moldes e abriu camiño detrás do mostrador da ferretería Veiga. Un negocio no que ao longo de corenta anos as mulleres da familia se encargaron de atender a unha clientela entre a que había quen non entendía que fora unha muller a que despachara cravos, serras e picaportes.

Pepita foi a primeira dunha saga que hoxe continúa coa súa nora Fe Lombardía e a súa neta Paula Veiga, pero que mesmo podería remontarse a unha xeración anterior. «Eu sempre digo que a pioneira foi miña sogra. Ela non chegou a traballar na ferretería, pero foi a que deu a axuda para que os fillos mercaran o local», relata Díaz, hoxe xubilada.

Foi no ano 1979 cando os irmáns Manuel, José María e Germán Veiga abriron a ferretería na rúa Mallorca. Un dedicábase á oficina, outro a vender fóra e un terceiro a repartir a mercadoría. A tenda era cousa de Pepita. «Daquelas non había mulleres nas ferreterías, pero eu movíame ben e tiraba para diante. A min chamábanme a terremoto», relata ante a mirada orgullosa da súa nora e a súa neta. «Eu pelexábame cos carpinteiros que me dicían que non tiña nin idea de nada». Súa cuñada Marina traballou man a man con ela durante anos. Entre as dúas despachaban e axudaban a cambiar o paso da sociedade.

Pepita non se deixou arrastrar por un mundo que daquelas era considerado de homes. Gañouse o seu sitio. «Eu reñía con todos, non tiña problema ningún. Cando non reñía con eles preguntábanme se estaba enferma. ¡Pero é que daquelas atopábame algún que levaba vinte anos traballando e parecía que non sabía poñer un picaporte!», lembra cun punto de desesperación.

Por aquel entón, case toda a clientela procedía de carpinterías, talleres de aluminio ou outros negocios. «Algún da rúa había, viña por tornillos ou cousiñas así, pero case todos eran xente profesional», relata. «Sabíame todas as referencias de memoria. Teño atendido a cinco clientes a un tempo. Tan pronto alguén entraba pola porta eu preguntaba que querían, así, se non tiña o que necesitaban, xa non lle facía perder o tempo», lembra a pioneira.

Mentres Pepita despachaba e se gañaba o respecto de cantos entraban pola porta, os seus fillos correteaban pola tenda. «Criáronse aquí,», conta dende a rúa Ourense á que trasladaron o negocio hai xa anos e na que xestionou ao tempo a súa vida profesional e persoal. «Ela é o pilar, sen ela o negocio non tería ido para diante», defende a súa nora Fe dende detrás do mostrador. É consciente de que se o mundo hoxe é áis igualitario, é porque mulleres como Pepita tamén o pelexaron durante anos pola igualdade fóra das luces e os taquígrafos.

Catro décadas de constante responsabilidade feminina

Tras tres décadas de traballo, Pepita Díaz pasou o testemuño hai uns anos á seguinte xeración, os seus fillos María José, Maite e Manolo. Eles son os propietarios dunha empresa que funciona coma un equipo e na que a Fe Lombardía, nora de Pepita, e a súa neta, Paula Veiga, son a cara visible da ferretería, un negocio que corenta anos despois da súa fundación segue a ser cousa da familia. «Claro que estou ourgullosa, non te imaxinas o que custa sacar adiante un negocio», di a veterana sobre o relevo xeracional.

«Para min é un orgullo e unha responsabilidade. O que sei aprendino de miña avoa, ela foi a que me ensinou. De pequena meu irmán e eu xogabamos entre as estanterías e merendabamos arriba», relata Paula, que compaxina a súa responsabilidade como ferreteira con impartir clases de violín.

Súa nai, Fe, leva tempo incorporada á empresa. «Traballei moitos anos, na época de crianza dos meus fillos quedeime na casa e cando facía falla xente na ferretería, incorporeime».

Fe e Paula viviron tempos distintos aos de Pepita, pero recoñecen que aínda hoxe sobrevive algún prexuízo. «Ten vido algún home e notarse que está buscando a ver se aparecía outro detrás do mostrador», conta entre risas Fe. Nalgunha ocasión, mentres o avó de Paula estaba de visita entre as estanterías, houbo quen acudiu a el, pero estes casos xa son os menos.

Na empresa están orgullosas de que durante estas décadas foran elas as que deron a cara e fixeran medrar a ferretería nun mundo que parecía reservado aos homes e celebran que Veiga, corenta anos despois, siga sendo a ferretería das mulleres.