Ramón Fábregas: «A cova Valdavara III era un Serengueti á galega con leopardos e rinocerontes»

O experto participa hoxe na xornada da Deputación sobre as covas de Eirós, Valdavara e A Valaiña


lugo / la voz

O suxestivo titulo de Covas: portas a outros mundos, dá nome á xornada sobre patrimonio arqueolóxico que a Deputación de Lugo organiza hoxe. As coavas de Eirós, en Triacastela, Valdavara, en Becerreá, e A Valiña, en Castroverde, serán o foco de atención dun encontro no que o catedrático de Prehistoria da Universidade de Santiago, Ramón Fábregas Valcarce, tomará a palabra para facer unha viaxe no tempo.

-Na presentación das xornadas falou das covas como almacéns da historia. Que atoparon nestas?

-Tanto na cova da Valiña como en Eirós non temos restos humanos aínda, pero hai evidencias, obxectos, ferramentas que os relacionan cun tipo humano que xa non existe, os neandertais. En Eirós, ademais, hai unha frecuencia de ocupación moi complexa que inclúe dende os primeiros humanos modernos que chegaron a Galicia, a humanos de momentos posteriores dentro do paleolítico superior. Logo, hai evidencias de actividade en época neolítica e incluso se usou a cova como lugar de almacenaxe no alto medievo. Cova Eirós e a cova da Valiña coinciden nesa primeira etapa, pero logo cova Eirós ten un desenvolvemento cultural moito máis prolongado.

-E a cova de Valdavara?

-Valdavara é unha cova máis pequena que está ocupada a finais do paleolítico superior. Aínda que tamén temos Valdavara III, que só se explorou con urxencia porque foi afectada por voaduras dunha canteira. Foi aí cando saíron evidencias de actividade humana pero sobre todo temos restos de fauna extinta, rinocerontes, leopardos, leóns, hienas... Iso era un Serengueti á galega. Alí apareceron unha cantidade de ósos enorme de hai un pouco máis de 100.000 anos. En Eirós e en Valdavara I e na Valiña tamén apareceron restos de rinocerontes, vese que debían ser bastante abundantes.

-De cantos anos atrás estamos a falar en cada cova?

-No caso de Eirós estaríamos falando dun pouco máis de 40.000 anos nos niveis máis antigos, neandertais, na Valiña máis ou menos por eses parámetros. Logo Eirós continúa miles de anos ata chegar ao século XI da nosa era. En Valdavara III falamos un pouco por enriba dos 100.000 anos e Valdavara I anda polos 16 ou 18.000 anos de antigüidade na ocupación paleolítica.

-Eirós ten a particularidade de que apareceu nela arte rupestre, non é así?

-É a única cova con arte rupestres de tradición paleolítica. Digo tradición porque, estritamente falando, os motivos datados serían lixeiramente posteriores ao paleolítico, serían dos primeiros momentos do mesolítico. En Galicia era un baleiro nese sentido, estaba entre o mundo cantábrico e o norportugués, pero agora xa temos cova Eirós e a lóxica di que sairá algún xacemento máis. Neste caso falamos de hai pouco máis de 10.000 anos.

-Se tivera que quedarse con algo especial de cada unha das covas, que escollería?

-Valdavara III fascíname pola colección faunística (non só fauna extinta, tamén lobos, ou raposos). En Valdavara I chamoume moito a atención que saíran obxectos de adorno, unhas conchiñas que viñan do Cantábrico e que enfiaron para facer probablemente doas de colgar ou para adornar vestimentas de peles. Logo, en Eirós quizais teñamos a arte en moble máis antiga de Galicia. Atopouse un pequeno dente canino de raposo que estaba furado e posiblemente se usase para colgalo, pode irse a 26 ou 27.000 anos de antigüidade, ademais da arte rupestre, que é un caso único.

-Lugo é unha zona rica en covas?

-Todo é relativo. Lugo é rico en covas na escala galega, pero se o comparamos con outras áreas da Península Ibérica, como o País Vasco, a parte oriental de Asturias ou Cantabria, é bastante menos rica porque non existen en igual medida os sustratos calizos que pola súa disolución son os que xeran as fisuras, cavernas, etc. Isto existe en Lugo e nunha parte de Ourense, pero en moita menor cantidade. O gran problema de Galicia é que en xeral os substratos son moi ácidos e a materia orgánica desaparece nun tempo bastante curto. En cambio, nestas covas prodúcense fenómenos que permiten a fosilización, a conservación destes restos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Ramón Fábregas: «A cova Valdavara III era un Serengueti á galega con leopardos e rinocerontes»