O BNG presume de telos deberes feitos, de unión e «ir a por todas» en Lugo

Suso Varela Pérez
SUSO VARELA LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Ana Pontón arroupa a lista do Bloque na cidade, que ofrece un discurso con propostas en positivo

20 mar 2019 . Actualizado a las 20:53 h.

O BNG é a primeira formación que xa desde hai meses fixo os deberes, tanto anunciando ao seu candidato, Rubén Arroxo, como aos membros de toda a candidatura ao Concello de Lugo. Este serán fixo a presentación formal, nun acto ao que asistiu a súa voceira nacional, Ana Pontón, e que deixou unha frase rotunda: «Animo aos veciños de Lugo a ir a por todas para darlle un novo impulso á cidade, que agora está paralizada e sen rumbo».

Neste senso, Pontón destacou que propoñen un proxecto «transformador e liderado por un candidato preparado e cunha equipa con experiencia». Pero nestas eleccións, o Bloque en Galicia xa as afronta dun xeito ben diferente ás de hai catro anos, logo dunha crise interna que lle pasou factura, e que obrigou á formación a cambiar caras e estruturas. Hoxe, en cambio, o BNG quere presumir do que lles falta ao seu arredor no ámbito da esquerda e do nacionalismo: « Somos unha forza política unida e cohesionada que pensa no importante, como darlle solución aos problemas que teñen as persoas no seu día a día».

Por la súa banda, Arroxo fixo un discurso en clave positiva e optimista, comprometéndose a ofrecer «un Lugo no que sentirse orgulloso de vivir, algo que non vai conseguir nin o actual goberno local, nin o enviado de Feijoo que non quere ser alcalde, nin aqueles que tanto prometían e que foron desilusionando polo camiño».

«Lugo poder ser un paraíso»

Arroxo destacou que Lugo ten as características «para ser un paraís, pero para iso hai que deixar de perder oportunidades». Entre elas, enunciou algunhas das liñas do programa que presentan ás eleccións municipais: «Recuperar o casco histórico, incrementar a peonalización e apostar por unha reconversión total do sistema de autobuses, que leva vinte anos na mesma situación mentres que o goberno local non é capaz nin de poñer a funcionar os paneis electrónicos informativos».

Pero as críticas do candidato do BNG tamén foron dirixidas aos gobernos galego e central, especialmente no tocante ás infraestruturas: «Hai cen anos as Irmandades de Fala organizaban a súa reunión en Lugo porque a consideraban a mellor comunicada de Galiza, pero hoxe somos a única cidade que vai quedar fora da modernización das infraestruturas e o único que nos traen PP e PSOE é o debate absurdo sobre a intermodal», criticou.

Para rematar, nun acto no que tamén estivo a candidata ao Congreso por Lugo e número 2 da lista municipal, Maite Ferreiro, Arroxo insistiu na súa proposta de unir con pasarelas os parques Rosalía e Marcos Cela co Miño.