Pradero: «A xente do mar é especial e única»

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

OSCAR CELA

O fotógrafo mostra o seu traballo de cinco anos nas praias e cos mariñeiros lucenses

18 mar 2019 . Actualizado a las 13:18 h.

A vida dá moitas voltas e Pradero ben o sabe. Como fotoxornalista dedicou moitas horas a retratar a vida e a obra de artistas e agora chégalle a el a honra de expoñer na sala de mostras de San Marcos o seu ambicioso proxecto sobre as xente do mar en Lugo. Pero el, humilde, di que non é protagonista, senón «un simple comunicador dunha xente que está feita dunha pasta especial» e que o deixou impresionado.

El, criado na Terra Chá de vacas e gandeiros, introduciuse hai cinco anos nun mundo que só coñecía de maneira superficial, aínda que, como sinala, «noutro tempo futuro ou pasado a miña vida estaría ligada ao mar». Comezou no 2014, grazas ao apoio da Deputación, cun primeiro proxecto que era o de fotografar todas as praias de Lugo, 66 entre Ribadeo e O Vicedo: «Cada unha é máis fermosa e ten o seu encanto». Ademais de fotos, xeolocalizounas e identificounas pola tipoloxía da súa area. Máis de dous anos de traballo que lle levaron ao segundo proxecto, o de retratar as xentes do mar, comezando polos percebeiros e logo introducíndose en barcos de cerco.

Agora, no pazo de San Marcos, pódense ver 34 das máis de 24.000 imaxes que captou «de xente que cando a coñeces dáche todo, son entregados, nunca vin a persoas tan unidas e á vez xenerosas, quizais porque como viven momentos nos barcos de máxima tensión durante meses acaban sendo persoas especiais».

Iso si, Pradero, un home da terra, tivo que adaptarse aos códigos dos homes do mar: «A primeira vez que subín a un barco deles foi todo mareos [risas], pero logo aprendes cousas como que non hai que tomar leite ou galletas e si comida salgada».

Antes de embarcarse estudou o traballo doutros fotógrafos europeos que subiron aos barcos e cunha Olimpus, «porque as Canon, co visor, acabas mareado, e isto é peor que seguir a un político [risas]», recolleu en cor o traballo de persoas que se xogan a vida en condicións extremas. «Por moito que llo conte á xente, non se pode explicar o dura que é esta vida de mariñeiro ou de percebeiro». Lembra como nunha ocasión o barco saíu ás cinco da tarde de Viveiro e, logo de percorrer toda a noite parte do Cantábrico, ás seis da mañá apareceu o ansiado bancal de peixes: «Soou a alarma e todos saíron dos catres para non perder a oportunidade».

Por isto mesmo Pradero sinala que cada vez hai menos galegos que se dediquen á pesca, traballo que ao final acaban facendo peruanos, polinesios ou senegaleses, que poden aguantar seis meses seguidos en alta mar.

Pradero agora soña co seu terceiro proxecto, o de embarcarse nos barcos do Gran Sol, o bonito ou a pesca do tiburón.