Oito de muller

David Otero ESCRITOR ESTRADENSE

LUGO CIUDAD

07 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Chega xa e con boas vésperas o día oito de marzo día da muller. O tema non está soamente en poñermos o lazo morado (que non sobra). O tema, por comprensivo e militante, é máis extensivo. Polas voces de Lugo do domingo as palabras maniféstanse en pedir a fin da violencia machista e defender os dereitos das mulleres, pois estas serán libres para escoller e piden igualdade, si, ese obstáculo no camiño desta sociedade, xa que a saída desta existencia terrible, a de ser muller, ha ser persoal e colectiva, non se pode reducir ao íntimo. O da muller será público, da orde da cidadanía, da orde da política e sempre transformadora, xa que logo ela será a protagonista, a dirixente e impulsora, dos seus movementos e así tamén o manifestará na folga do oito de marzo.

Xa está ben de manter o divorcio entre gobernantes e gobernadas, si, esa constante pública dos estados ata o de agora, pois a muller loitou e loita contra a precariedade laboral, a discriminación e a favor de salarios dignos. Quen diga nos foros mediáticos ou en privado que está pola igualdade e polo emprego de calidade das mulleres, que o demostre, pero con feitos, nas súas actitudes e influencias ou decisións, pois non se pode ser feminista alimentándose de machismo. Non é?

Ninguén poñerá en dúbida que as mulleres son os sectores populares máis dinámicos e así aos machos e tamén a non poucas mulleres convén poñerlles en claro que son horas que se acepten que as mulleres son quen sofren violencia e millóns delas non chegan á vellez polo feito de selo… muller. Que ninguén nos veña a falar de vinganza, pois é inadmisible. A xustiza é quen ten que se poñer á fronte. Os homes o día oito temos responsabilidades especiais de traballos de coidados. As mulleres estarán en folga.