O fomento e a defensa do galego non poden excluír o dereito a usar o castelán, di o Supremo

O tribunal di que o Concello ignorou o recoñecemento da cooficialidade


Lugo / La Voz

A sentenza do Supremo ratifica ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Na súa resposta ao recurso presentado polo Concello lembra que o castelán é a lingua oficial do Estado e que tanto o galego como o castelán son oficiais en Galicia. Partindo disto, sostén que o discurso no que o Concello amparou o seu argumentario «ignora el reconocimiento de la cooficialidad con base fundamentalmente en la protección y fomento del gallego» en detrimento do castelán. Entre as argumentacións do Superior que o Supremo dá por boas están que o Concello non pode demandar a contratistas e provedores o uso do galego en bens e servizos obxecto de contrato, nin cando encargue estudos ou proxectos poderá pedir «sempre que sexa posible» que sexan en galego, posto que esa expresión impón o uso do galego por riba do castelán.

Considera o Supremo que o «fomento o protección de la lengua gallega» non pode excluír o dereito a usar o castelán. Na ordenanza recollíase que os expedientes administrativos se tramitarán en galego e só cando se pedise formalmente se cursaría en castelán. «Exigir que se solicite formalmente supone una carga para el particular», entenden os tribunais. As comunicacións con outras Administracións en Galicia serán en galego, e en bilingüe cando se relacionen ou produzan efectos «fóra do ámbito lingüístico galego», recollía a norma. O tribunal anula esta parte aducindo que «falta a definición legal» de cal é ese ámbito lingüístico. A ordenanza establecía que as comunicacións de actividades subvencionadas polo Concello, como publicacións ou carteis, debían empregar o galego. Isto, di o Supremo, vai contra a lexislación e discrimina aos falantes en castelán.

A sentenza do Supremo, complexa e polémica a partes iguais, anula algúns artigos completos da ordenanza, así como só palabras ou frases concretas doutros.

Non mencionar o castelán como lingua oficial crea «un estado de inseguridad»

O primeiro artigo da ordenanza municipal aprobada no 2012 polo pleno sostén que «o galego, como lingua propia de Galicia, é idioma oficial» do Concello de Lugo. Ante esta afirmación, o Supremo entende que ao non mencionarse a cooficialidade do español o que se pretende é crear «al menos un estado de inseguridad en la ciudadanía sobre la posibilidad de usar el castellano en sus relaciones con el Ayuntamiento».

A ordenanza establecía que nas comunicacións orais o persoal do Concello empregaría preferentemente o galego, un extremo que o Supremo non valida, posto que non se contempla a situación de que o usuario poida solicitar ser atendido en castelán, un dereito que debe garantirse.

O pleno de Lugo tamén acordara por unanimidade que os cargos electos do Concello se expresaran en galego cando interviñesen en actos públicos institucionais, a non ser que as circunstancias apuntasen ao uso doutras linguas. Neste apartado, o Supremo entende que ese punto é «imperativo» e choca co dereito de toda persoa a elixir idioma. No referente á formación, a norma establecía que se impartise en galego e, se non dependía do Concello, pedíase que así fose. Para o Supremo isto supón unha imposición, xa que non fala de uso preferente.

No ámbito da sinalización, o artigo dezaoito establecía que os edificios públicos e a rede viaria se identificasen en galego. O Supremo rexeita que iso suceda na rede viaria municipal, ao ser contraria á normativa de Tráfico e circulación. Impón que as sinais estean cando menos, en castelán, salvo similitude das linguas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

O fomento e a defensa do galego non poden excluír o dereito a usar o castelán, di o Supremo