Os Bolechas fomentarán entre os nenos o uso dos vieiros escolares

Marta de Dios Crespo
m. de dios LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

28 feb 2019 . Actualizado a las 09:02 h.

A familia galega de animación máis coñecida polos pequenos regresa a Lugo cunha nova publicación: Os Bolechas van polo vieiro escolar. É unha iniciativa no marco da posta en marcha destes camiños seguros para ir ao cole que está desenvolvendo o goberno local. 1.800 exemplares distribuiranse nos 25 centros escolares públicos, concertados e privados do municipio, así como no Parque Infantil de Tráfico e nas escolas infantís.

Daba conta desta novidade a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto ao concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez. O libriño narra unha nova peripecia desta familia que visita ao seu amigo Froilán, que vive en Lugo, e van á súa escola polo vieiro seguro e con cadanseu chaleco reflector. «A través desta publicación didáctica, adaptada e divertida, pretendemos achegar os máis pequenos a bos hábitos como cruzar o paso de peóns en verde ou discorrer pola beirarrúa e non baixar á calzada» subliñou Lara Méndez.

O proxecto de Vieiros Escolares do goberno lucense está en fase de planificación, tras pechar a fase de diagnóstico. A mediados do mes de abril o Concello conta con ter o documento que recolla o Plan de Vieiros Escolares Seguros, que esperan implantar o vindeiro curso.

Coñecer estes camiños é o primeiro paso para o éxito dos Vieiros Escolares Seguros, en opinión do Concello. O proxecto do equipo de Lara Méndez para «facer cidade» é cualificado dende o goberno local como «aberto, divertido e transversal». «Consideramos o camiño casa-colexio como un lugar de aprendizaxe e un espazo tamén ideal para o desenvolvemento das habilidades dos nenos e as nenas, da súa autonomía e de ir adquirindo responsabilidades; así como a súa socialización, porque ao final son elas e eles os que no día de mañá continuarán a desenvolver o noso modelo de cidade», insistía Lara Méndez.

Derivados a unha empresa

Núñez explicaba pola súa banda que o Concello tivo que contratar a empresa AM3 Ingeniería Ambiental por un importe de 13.693 euros porque non daba abasto co proxecto tras repartir as enquisas polos centros. Ademais de buscar «uns itinerarios nos que se plasme cal é o recorrido máis axeitado», tamén teñen que detectar «as deficiencias que hai que solucionar para facer uns vieiros realmente seguros»

O Concello conta con ter listos estes camiños seguros, en planificación,

o próximo curso