Cando un tumulto de seminaristas censurou un artigo de Rosalía

l. garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

oscar cela

No 1864 os estudantes ameazaron ao editor Soto Freire para que non publicase un texto da autora

24 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Na esquina na que converxen a Rúa de San Pedro e a Rúa das Noreas, intra muros, eríxese un edificio no que unha praca reza: «Aquí viviu entre 1864 e 1868 a poeta de Galicia, Rosalía de Castro». A día de hoxe hai estudosos que teñen serias dúbidas de que Rosalía chegara a estar na cidade, pero o seu vencello con Lugo foi moi real. E nun determinado momento, tamén polémico, con seminaristas enfadados, pedras, vidros ameazados e artigos censurados mesturándose na mesma el historia.

É nese cruce de San Pedro e Noreas onde se atopaba a imprenta do lucense Manuel Soto Freire, editor, impresor e impulsor de xornais e publicacións. Daquel edificio hoxe non quedan nin cementos nin recordos, pero del saíron escritos senlleiros. Unha desas publicacións era o Almanaque de Galicia para uso de la juventud elegante y de buen tono, de periodicidade anual, que comezou no 1863 e que se prolongaría durante seis números. Foi o exemplar do ano 1864 o que desatou a treboada. Concretamente, un artigo titulado El codio, que nunca chegaría a ver luz. Rosalía era a súa autora.

«Según escriben en Lugo, días pasados hubo una especie de tumulto que armaron los seminaristas. Parece que teniendo noticia que en el Almanaque de Galicia que está imprimiendo el señor Soto Freire, aparecía un artículo titulado El Codio, debido a la pluma de la señora doña Rosalía Castro de Murguía, avisaron al editor del susodicho almanaque para que eliminara el artículo, pues de otra manera le romperían los cristales de su casa». Este artigo publicado no xornal de Madrid El Contemporáneo é o relato dos feitos sucedidos en Lugo, e que, dacordo co diario, continuaron así. «No paró aquí todo; pues a consecuencia de aparecer el prospecto de dicho almanaque, y como en la lista de los artículos se leyese El codio, se reunieron los seminaristas, y en número de más de doscientos, se dirigieron en tumulto a la casa en la que vivía el señor Soto Freire, y allí prorrumpieron en gritos y amenazas que pusieron en alarma a los vecinos y amigos de aquel editor».

  

oscar cela

  

A situación, recollía o rotativo, descontrolouse. «El tumulto tomó graves proporciones, de manera que la autoridad trató de intervenir en el asunto, pero ya los pronunciados se habían retirado, después de parlamentar con el editor, y fiando que el obispo prohibiría la publicación del artículo, o que en el último resultado tomarían por su mano la venganza».

Que era «El codio»

Aínda que en moitos textos aparece que a información de El Contemporáneo foi publicada en agosto de 1864, foi a estudosa Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda a que verificou que a noticia aparecía na edición do 2 de decembro do 1864. Ela, nun artigo sobre a obra perdida, tamén aportou as claves do sucedido.

El Codio nunca chegou a publicarse. O máis próximo que estivo de ver a luz foi ao constar nunha especie de índice previo que puxo en preaviso aos seminaristas. Pero, cal era o seu contido? Estiman os especialistas que sería un artigo que faría unha descrición burlesca do perfil de seminarista. O termo codio por aquel entón era sinónimo de famento e era empregado de xeito despectivo para referirse aos seminaristas con menos recursos. De aí o enfado e a ameaza.

Soto Freire, ante semellante aviso, optou por non publicar ese texto de Rosalía. Cantares Gallegos, El cadiceño, Las literatas. Cartas a Eduarda, ou ¡No sueñes!, todos da mesma autora, si chegaron a imprimirse nos Almanaques do editor lucense, que sería tamén o encargado de poñer negro sobre branco a novela El caballero de las botas azules en 1867.

«Avisaron al editor para que eliminara el artículo, pues de otra manera le romperían los cristales de la casa», recolleu un xornal madrileño

Unha lectura pública da obra da poeta no parque ao que lle da nome

No día de hoxe celébrase o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro (Santiago, 24 de febrero de 1837-Padrón, 15 de julio de 1885), e para conmemoralo a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organiza en Lugo unha lectura pública no parque que leva o nome da poeta, a carón do seu busto. Será a partir da unha da tarde.

Ademais da lectura da obra da escritora, darase conta do manifesto do colectivo, Do XIX AO XXI: Libre o meu pensamento!, asinado pola escritora Ana Romaní. Os actos están abertos a toda a cidadanía.

Manuel Soto Freire, o impresor que dende a Rúa de San Pedro editou a Manuel Murguía

Manuel Soto Freire naceu en Lugo en 1826 e faleceu en Ferreira de Patón no 1897. Comezou como caixista nunha imprenta, pero logo optou por poñer en marcha o seu propio negocio, comezando coa impresión de tarxetas, cartas e folletos. No 1857 impulsou o xornal lucense La Aurora del Miño, a primeira dunha serie de publicacións periódicas das que sería artífice.

Pero o traballo de Soto Freire foi máis aló. O lucense foi decisivo na carreira de Manuel Murguía, erudito e marido de Rosalía de Castro, ao que editou a Historia de Galicia e La Primera luz.

Nos seus Almanaques de Galicia, Soto Freire contou con sinaturas ilustres como da propia Rosalía, Emilia Pardo Bazán, Saco y Arce ou Murguía.

O editor tamén escribiu a obra La imprenta en Galicia: ensayo bibiográfico, e Apuntes para la historia de la prensa en Galicia.