Juan Caamaño: «A atención primaria de saúde ten que recuperar autonomía de xestión»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

O médico do centro Concepción Arenal, xubilado tras 41 anos de profesión, admite a decepción da etapa final

17 feb 2019 . Actualizado a las 18:58 h.

Tras 41 anos de exercer como médico, Juan Caamaño está xubilado desde novembro. É moi coñecido na cidade, por traballar no centro de saúde Concepción Arenal 38 anos, 11 deles como xefe de servizo. «Comecei en Lugo, porque era onde había maior oferta de prazas cando acabei a carreira. Vin para Santiago perdendo diñeiro, pois a nómina era máis baixa. Aínda que non o dubidei, porque aquí tiña oportunidades de mellorar a miña formación, e aproveitei para reforzar a preparación en pediatría, medicina do deporte, cardioloxía ou urxencias», afirma.

Entre 1981 e 1993 o Concepción Arenal, popularmente coñecido como o ambulatorio, era moi diferente: «Era un centro de especialidades. Traballaba en quenda de tarde, dúas horas e media, e estaba localizado das 9.00 ás 17.00 para asistir domicilios e urxencias», lembra.

Coas transferencias sanitarias á Xunta, en 1991, a situación mellorou: «Foi un fito o decreto 200, en xullo de 1993, e o impulso que ofreceu naquela altura quen é o actual presidente do Colexio Médico, Luciano Vidán. Principiaron as unidades de atención primaria, en 1996, e despois dous servizos no noso centro, un para a mañá e outro para a tarde».

A atención primaria coñeceu uns anos dunha mudanza e un desenvolvemento importante, insiste: «Destacaría o traballo en equipo e os Puntos de Atención Continuada para atender as urxencias. No Concepción Arenal houbo unha progresiva desvinculación doutras especialidades; e xa só fican as de otorrino e saúde mental», manifesta.

Caamaño valora que as estruturas organizativas de xestión integradas, as denominadas EOXI, trabaron aqueles progresos. A de Santiago comezou en outubro do 2011: «Iso supuxo un retroceso, favoreceu a decadencia da nosa especialidade, pois pasamos a ser como un apéndice da especializada, do hospital».

Por iso, di comprender as protestas do colectivo de profesionais, acentuadas as últimas semanas con mobilizacións: «Recoñezo o avance que representaron a historia clínica informatizada, a consulta telefónica ou a teleconsulta; esta última funciona ben, sobre todo con algunha especialidade como cardioloxía. Porén, a atención primaria de saúde ten que recuperar autonomía de xestión, de decisión e económica. Agora moitas decisións veñen directamente do hospital, sen ser pactadas; hai demasiadas cousas prefabricadas», afirma.

Caamaño podía ter continuado exercendo, pois non chegou aos 70 anos. Admite a decepción polo empeoramento das condicións laborais nos últimos anos, polo que adiantou o retiro: «Non se cobren as baixas por descansos ou problemas de saúde de colegas, e iso leva a unha sobrecarga asistencial nefasta para profesionais e para doentes; cheguei a ter 60 consultas nun día», di.

Desde hai uns anos, tamén formou novos especialistas en medicina familiar e comunitaria na unidade docente do Concepción Arenal: «A parte comunitaria é aínda escasa, a profesión hoxe é maioritariamente asistencial», refire. Caamaño anima á xente nova que ten interese na Medicina, pois «se tivese que comezar de novo, elixiría outra vez exercer como médico. Entre o mellor da profesión está o agradecemento dos doentes», indica.

O sábado día 9, Caamaño regresou á Facultade de Medicina. Participou nun reencontro da promoción de 1971-1977, a súa, na que hai médicos en activo e xubilados: «Foi unha experiencia interesante, e acordamos repetir. Lembramos colegas que faleceron; algúns viñeron a pesar de residir fóra, houbo quen destacou en actividades artísticas ou que ten un control extraordinario de novas tecnoloxías, e a xornada resultou moi ben», valora.