Educando en Familia dará talleres para lograr a igualdade na crianza dos nenos

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

CEDIDA

Terán lugar en todos os concellos mariñanos, chairegos e de Lugo centro onde hai grupos

06 feb 2019 . Actualizado a las 19:53 h.

Reflexionar sobre o papel que exercen tanto a muller coma o home á hora de coidar e educar aos fillos no día a día é un dos obxectivos dos talleres que empezará a impartir en breve a asociación Educando en Familia en todos os municipios de A Mariña, Terra Chá e Lugo centro nos que ten grupos de familias con nenos menores de 6 anos, ademais de no centro penitenciario de Teixeiro, en Monterroso. Os obradoiros sobre coeducación desenvolveranse ao longo dos meses de febreiro e marzo, e terán como destinatarios as nais e os pais, así como as nenas e os nenos que forman parte do programa, e que de maneira habitual acoden ás sesións que dirixen as tres mestras e orientadoras educativas do colectivo: Estefanía Eijo Maseda, Encarna Santos e Ana María Vázquez Lorenzo. O novo proxecto será subvencionado pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia.

As charlas incluirán distintas actividades para levar a cabo na aula coa idea de reflexionar sobre se existe ou non igualdade na crianza dos fillos, e serán dirixidas por unha profesional do eido social que previamente se encargou de deseñar a programación do ciclo tendo en conta o perfil dos grupos aos que irá dirixido. Trátase de Beatriz Yáñez Rouco, traballadora social e especialista en xuventude, sociedade e xénero.

Fomentar o espírito crítico

«As sesións levaranse a cabo a través de dinámicas de concienciación e sensibilización sobre a importancia de criar e educar ás nosas fillas e aos nosos fillos en igualdade, co fin de fomentar a reflexión e o espírito crítico das familias antes as consecuencias negativas que trae consigo a socialización de xénero», sinalan desde a dirección do proxecto social. Con esa finalidade, durante as sesións achegaránselles ás familias ferramentas prácticas e útiles «para unha crianza coeducativa no día a día». «Os pequenos hábitos do día a día son os que fan que un neno que de pequeniño era moi bo se malee», indica Estefanía Eijo, que coordina, entre outros moitos, os grupos de apoio a familias que funcionan na actualidade nos municipios de Viveiro, O Vicedo e Ourol.